- O pasado sábado, 1 de agosto, 22 mozas e mozos de Xove de entre 12 e 16 anos desprazáronse ao Aquapark de Cerceda
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
- Seis pintores do Valadouro é a nova publicación do SEVA, un caderno dedicado á obra de seis artistas plásticos: Carmen Ossorio, Xosé Blanco, Arturo Mogo, Hipólito Xeada, Alaxe e Mar Vicente
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
- O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este domingo no Campo da Festa de San Pedro de Mor, en Alfoz, no 60 aniversario da Festa dos Choferes, unha cita que conta cunha achega económica da institución provincial de algo máis de 9.000€
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou este sábado na Festa do Percebe de Rinlo
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
- O incendio forestal rexistrado no concello de Ourol, parroquia de Merille, quedou extinguido ás 19,49 horas deste venres
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
- Con motivo da celebración da Feira de Bonito e Produart, este venres o programa Voces de Verano estivo presente en Burela
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.
- O Concello de Viveiro informa á veciñanza de que, do 1 ao 9 de agosto, ambos incluídos, ás 8:00 horas, realizarase o lanzamento de bombas de palenque con motivo da celebración da Novena de San Roque
O obxectivo deste aviso é que a cidadanía coñeza esta circunstancia con antelación e, especialmente, que as persoas con sensibilidade aos ruídos, así como as persoas propietarias de animais de compañía, poidan adoptar as medidas que consideren oportunas. O Concello agradece a comprensión e a colaboración durante estes días de celebración.