- Envorca un turismo en Ribadeo despois de bater contra outro vehículo
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
- O Concello de Tapia de Casariego enviará á Consejería de Educación e ao Consorcio de Transportes o informe da Policía Local que alerta de que a supresión da parada escolar da Ventosa, en Mántaras, obriga seis alumnos a realizar un itinerario de 2,1 km pola N‑634 sen iluminación nin pasos de peóns, con riscos graves para a súa seguridade
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
- Unha ITV móbil para inspección de vehículos agrícolas estará no mercado gandeiro de Vilanova de Lourenzá os días 5, 6, 7 e 8 de outubro
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web www.sycitv.com.
- A Sala Cultural Xosé Vizoso, en Sargadelos, acolleu esta fin de semana o II Torneo de Xadrez de Cervo, unha cita na que a concentración, o deporte e o xogo en equipo foron protagonistas
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
- O deputado Daniel García participou, xunto ao alcalde de Muras Manuel Requeijo e a tenente alcalde Paula Gómez, na entrega de premios do Gran Premio CiclistaConcello de Muras, que se celebrou este sábado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
- O Concello de Vilalba incorporou este venres ao seu parque móbil municipal dous novos vehículos híbridos con distintivo ambiental ECO, que estarán destinados ao uso do persoal municipal e ás necesidades derivadas da actividade diaria do Concello
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
- Este venres, a presidenta da Deputación, Carmela López, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participaron xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García, na inauguración do XXVI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, a cita que se celebrou no polideportivo deste municipio chairego ata o domingo e que reuniu a reputados profesionais do mundo da tornaría
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.