23 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Burela entrega sintonizadores TDT a persoas en risco de exclusión social

27-01-10

BURELA (FNC). A Axencia de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías de Burela está a entregar os 18 primeiros sintonizadores de TDT ás persoas en risco de exclusión social que os solicitaron a través do Concello e con cargo ás axudas dispostas para este fin polo goberno estatal.

O edil de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi, explicou que “se está a facer entrega dos primeiros sintonizadores de TDT en Burela de acordo co programa promovido pola Secretaría Xeral de Estado de Telecomunicacións para os colectivos en risco de exclusión. Nós consideramos que está tendo unha importante acollida aquí en Burela e incluso se está dando información a persoas que se achegan a interesarse por esta iniciativa desde concellos próximos ao noso, a uns se lles deron os datos precisos e a outros se lles tramitaron as solicitudes correspondentes”.

O edil nacionalista engadiu que “se están a entregar os 18 primeiros sintonizadores de TDT, hai máis solicitudes que están chegando e se lles está a dar tramitación, co que nos vindeiros días continuaremos realizando máis entregas. Hai que lembrar que é un programa interesante para ese tipo de persoas e de colectivos, o prazo segue aberto ata o 3 de abril e desde a Axencia de Desenvolvemento Local de Burela seguimos facendo as xestións oportunas para que este proxecto permita que máis persoas poidan contar con máis sintonizadores da televisión dixital terrestre, que é importante para a captación da sinal de televisión nos vindeiros meses e nos vindeiros tempos”.

As axudas que puxo en marcha o goberno estatal van destinadas ás persoas que reúnan ao menos un dos seguintes requisitos: ter 65 anos ou máis cunha dependencia recoñecida de nivel II ou III; atoparse nun grado de discapacidade do 33 % ou superior, constando como unha das súas discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual; ter máis de 80 anos e vivir só ou soa, ou ben acompañado/a doutra persoa tamén maior de 80 anos e non ser beneficiario deste plan a través de asociacións ou comunidades autónomas.

Os interesados en solicitar estas axudas poden facelo ata o 3 de abril deste ano, e de non ser posible desprazarse pode facelo outra persoa na súa representación aportando a documentación requerida. As persoas que se atopen interesadas en coñecer estas medidas poden informarse na propia Axencia de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías de Burela de forma persoal ou chamando aos teléfonos 982 58 10 93 ou 982 58 06 35 , e tamén no Concello igual de forma persoal ou chamando ao 982 58 60 00.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive