17 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Ribadeo ante a actitude da oposición cos orzamentos do ano 2010

20-05-10

NOTA DE PRENSA

ANTE A ACTITUDE DA OPOSICIÓN RIBADENSE COS ORZAMENTOS DO ANO 2010

O BNG de Ribadeo quere mostrar, ante toda a cidadanía ribadense, o seu total apoio ao grupo municipal do BNG pola súa aposta firme por uns novos orzamentos municipais para este ano 2010. Ditos orzamentos contemplan inversións importantes para o noso concello, continúan na senda da diminución do gasto corrente e introducen como novidade un fondo social contra a crise para apoiar ás familias máis desprotexidas nestes momentos difíciles. Neste contexto, tamén consideramos moi oportuno que os nosos catro concelleiros mostraran a súa disposición a renunciar ás dietas que lles corresponden por asistencia a plenos, disposición que tamén compartiron os demais membros da corporación.

Sen embargo, non acabamos de comprender que o argumento principal da oposición para votar en contra dos rozamentos presentados polo equipo de goberno fora o reproche ao alcalde, Fernando Suárez, por non ter repartido os famosos 68.000€ (propostos na anterior aprobación dos orzamentos) entre o funcionariado do Concello.

Fronte a isto queremos recoñecer a disposición da alcaldía a negociar por activa e por pasiva esa cantidade de diñeiro. Iso si: cos límites que marca a lei. E desde Intervención do Concello tense advertido que non se pode asignar unha suma de diñeiro sen facer a cambio unha valoración dos postos de traballo, sen ver que contrapartidas obtén a administración (mellora na xestión, no rendemento do traballo, etc.).

Ademais, é público e notorio (estivo a disposición de todos en internet ese documento) que os sindicatos UGT, CGT, CC.OO. e CSIF deron por esgotada a vía negociadora pois consideraban que eses 68.000€ debíanlles ser asignados sen ningún tipo de vinculación coa RPT proposta polo Concello.

O BNG non vai apoiar ningunha medida que, levada á práctica sen criterio racional, poida supoñer vulnerar a legalidade. Como xa se dixo, non se pode facer ningunha asignación sen acadar o compromiso dalgún tipo de mellora (produtividade, etc.) por parte do colectivo favorecido. Se outras organizacións políticas ribadenses queren defender ese tipo de propostas é asunto seu. Pero con nós, que non conten.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive