21 de Xaneiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP propón que o goberno do Estado financie prexubilacións en Sargadelos

16-12-10

Nota de prensa

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e a iniciativa do seu deputado José Manuel Balseiro Orol, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presenta, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.
Exposición de motivos

A Consellería de Economía e Industria vén de comprometer unha axuda global dun millón de euros para apoiar o plan de expansión comercial de Sargadelos e acadar así o mantemento dos máis dun cento de empregos cos que conta esta histórica compañía galega.

As axudas teñen un carácter bianual e suporán a achega de 400.000 euros a fondo perdido e 600.000 euros máis a través dun préstamo participativo de Xesgalicia, sociedade dependente do Instituto de Promoción Económica.

As axudas teñen como destino, como xa explicamos, o respaldo ao plan de expansión comercial da compañía, para permitir un incremento das vendas, e chegan despois do acordo acadado –entre a empresa e os representantes dos traballadores- para a presentación dun novo plan de viabilidade no que se recolla, precisamente, o investimento en promoción e expansión comercial e o seu impacto nas vendas.

Con todo, o compromiso socialmente máis relevante é o adquirido por parte da empresa para retirar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de carácter extintivo –que incluía a supresión de postos de traballo- e substituílo por outro, apoiado pola inmensa maioría do cadro de persoal- que contempla unha redución de xornada co obxecto de axustar os ritmos de produción. As axudas da Xunta, como vén sendo norma da Consellería de Economía e Industria, están ligadas precisamente ao mantemento dos postos de traballo.

Cómpre lembrar que a Cerámica de Sargadelos dispón dun cadro de persoal formado case na súa totalidade por mulleres, cun perfil laboral moi específico e profesionalizado, e que levan case toda a súa vida laboral ligadas á actividade da empresa. Polo tanto, a Xunta de Galicia apoia tamén a consolidación dunha serie de postos de traballo que doutro xeito terían unha complicada reinserción no mercado laboral actual.

A devandita boa nova amosa unha vez máis o amplo compromiso da Xunta de Galicia co sector empresarial galego e, de xeito particular, cunha empresa que leva o nome de Galicia polo mundo adiante, reflectido na indiscutible calidade da súa cerámica, o enxebre das súas formas e o espírito cultural, histórico, da nosa  terra, que impregna a todo o grupo de empresas Sargadelos.

Con todo, a satisfacción non pode ser completa xa que oito persoas foron despedidas en aplicación do anterior ERE extintivo, hoxe por fin desbotado. Oito traballadoras cuxo despedimento xa é efectivo e que, segundo puido coñecer o Grupo Parlamentario Popular a través dos representantes de traballadores, en seis casos poderían ser beneficiarias das axudas por prexubilación, xa que cumpren os requisitos de idade, antigüidade e outras condicións establecidas na lexislación estatal vixente.

O Partido Popular sempre defendeu que se puxeran en  marcha as xestións precisas para facer efectiva as axudas sociais correspondentes. Máis en concreto as contempladas na Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril) que regulamenta as axudas que poderá conceder o Ministerio de Traballo ao persoal afectado polos procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresa.

Tralo compromiso da Xunta de Galicia co máis dun cento de persoas que hoxe compoñen o cadro de persoal desta empresa, é lóxico reclamar un esforzo nesa mesma liña por parte do Goberno central, neste caso con esas seis persoas que poderían beneficiarse das axudas estatais.

Se a inspección de Traballo e Seguridade Social, dependente do Ministerio de Traballo do Goberno central, non tivo no seu día ningún tipo de reparo e informou en sentido positivo o ERE extintivo que deu como resultado o despedimento destas persoas, é lóxico reclamar que agora tamén o Executivo socialista e nun ámbito da súa competencia, outorgue as axudas necesarias para facer fronte a esas prexubilacións e que poderían chegar incluso a ser do cen por cen das percepcións correspondentes.

Polo exposto con anterioridade, o Grupo Parlamentario Popular somete á  consideración da Cámara a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN

Acordo a adoptar:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central de tal xeito que estableza as axudas e apoios específicos contemplados na lexislación estatal vixente para as traballadoras/res da empresa Sargadelos, facilitando a cobertura económica do persoal afectado polo proceso de extinción de emprego, ata que accedan á situación de xubilación.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive