15 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cervo pide á Seguridade Social que desista de solicitar a nulidade dun acordo do ano 1991

27-01-11

Nota de prensa

A CORPORACIÓN MUNICIPAL ACORDARÁ ESTA TARDE PEDIRLLE Á SEGURIDADE SOCIAL QUE DESISTA NA SÚA PETICIÓN DE SOLICITAR A NULIDADE DA REPARCELACIÓN DO HOSPITAL DE BURELA

* Esta proposta vén motivada pola actitude “desleal” amosada polo departamento dependente do Ministerio de Trabajo do Goberno Estatal en torno a este tema

* A corporación tamén aprobará a Conta Xeral do 2009, cuxos datos indican que o Concello está a cumprir co principio de estabilidade presupostaria

Cervo, 4 de xaneiro de 2010.- A corporación municipal cervense celebrará esta tarde (a partires das 20:30 horas) unha sesión plenaria na que se abordará entre outros asuntos unha proposta da alcaldía solicitando un acordo plenario para dirixirse á Tesourería Xeral da Seguridade Social no que se lle pide que desista da súa petición de solicitarlle ao Concello a nulidade do proxecto de reparcelación da Unidade de Actuación feita no ano 1991 no contorno do Hospital da Costa de Burela.

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, esta proposta vén motivada pola actitude “desleal” amosada polo departamento dependente do Ministerio de Trabajo do Goberno Estatal en torno a este tema. “Xa o dixemos hai uns días, pero non está de máis lembrar que seguimos sen entender cales son os motivos polos cales o Goberno do Estado se empeña en recorrer diante de nós e de xeito totalmente extemporáneo unha decisión que se tomou hai 20 anos cando daquela Burela pertencía a este municipio e cando este Concello estaba gobernado por políticos socialistas” indicou o alcalde ao tempo que aseguraba que a única razón que atopa para este comportamento hostil non é outra que a da persecución política por parte dos responsables que dirixen este organismo estatal.

O texto da solicitude proposta pola alcaldía recolle que a reivindicación da Tesourería Xeral da Seguridade Social fora xa desestimada polo Concello Consultivo de Galicia e fai fincapé nos prexuízos económicos que pode provocar a reversión da devandita actuación, “sobre todo se temos en conta que transcorreron ao redor de 20 anos e que neste período de tempo se teñen consolidado sobre os terreos resultantes da reparcelación diversas situacións patrimoniais, algunhas delas ratificadas por sentencias xudiciais firmes e incluíndo persoas  que teñen a condición de  terceiros hipotecarios”. Así mesmo, no escrito tamén se lle solicita á Tesourería Xeral da Seguridade Social o reintegro dos gastos xurídicos derivados deste conflito entre ámbalas dúas administracións.

Alfonso Villares amosouse confiado en que este acordo poda saír adiante por unanimidade, “porque o que non é de recibo é que desde o Estado intenten agora que o Concello de Cervo cambie un acordo de hai 20 anos do que non se decataron durante 16 anos; e que aínda por riba, ten que ver cun territorio que xa non pertence ao noso ámbito territorial e polo tanto, non temos ningunha capacidade de decisión sobre el”.

Conta Xeral

Outro dos puntos que abordará o pleno da corporación na tarde de hoxe será a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2009. Neste particular Villares amosouse satisfeito polos resultados acadados na administración da economía municipal que reflicte esta Conta Xeral.  “En vista dos datos vemos que a situación económico-financeira do Concello foi mellorando grazas ao Plan de Saneamento posto en marcha nese ano 2009” indicou. Lembrou que o devandito plan ten por obxecto aumentar os dereitos pendentes de cobro e reducir as obrigas pendentes de pago. Isto supuxo que o remanente de tesourería para gastos xerais no 2009 tivese unha baixada con respecto ao ano anterior (2008) de 1.400.000 euros, “se ben segue a ser negativo en 247.223,06 “ recoñeceu o rexedor.

Dende o grupo de Goberno municipal entenden que os datos da Conta Xeral do 2009 indican a evolución satisfactoria do municipio en materia económica “é a proba disto é que temos conseguido cumprir o principio de estabilidade presupostaria”dixo Villares. “A pesares da crise, que xa era evidente no 2009 aínda que algún grupo municipal da oposición a negase, o Concello de Cervo presentou unha capacidade de financiación de máis de medio millón de euros. O que significa que en 2009 os ingresos superaron a los gastos, e supón unha garantía da nosa capacidade de financiamento municipal” destacou o rexedor. “De calquera xeito, este Equipo de Goberno segue comprometido na execución do seu plan de austeridade e recorte do gasto superfluo e así o estamos demostrando”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive