23 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Ribadeo asegura que a oposición apuntouse ao “difama, que algo queda” nas últimas semanas

27-02-11

Nota de prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Non fagamos da política unha lameira

“Para andar de troula todo o mundo se apunta. Para traballar día a día, mellor que o fagan outros”. Ese foi o espírito da oposición nas últimas semanas. Todo o mundo se apuntou ao “difama, que algo queda”, como se todo isto fora un antroido permanente. Polo que se ve, máis alá dunha valla publicitaria (con reberetes de axencia inmobiliaria), un pequeno díptico no que se gaban as “bondades do goberno de España” e un par de comunicados, o único que queda é difamar. Non teñen alternativa. Ou polo menos, non a dan presentado ante o electorado ribandese.

Hai nove meses deron o mesmo espectáculo. Tiveron nas súas mans a oportunidade de artellar unha alternativa pero non foron quen. Só os unía o afán de derrubar o goberno municipal. Por momentos, a xenreira persoal cara á figura de Fernando Suárez Barcia, e por extensión cara aos demais membros do equipo de goberno, chegaba a límites insoportábeis que denotaban ben pouca madurez política. Que patético e insulso pode resultar un proxecto que só se move pola carraxe cara ao éxito das xentes novas que nos deron o relevo.

Cando falta discurso político cáese no “todo vale”. E aí, os conservadores galegos dannos mil voltas. Demostrárono na campaña das anteriores autonómicas e vólveno poñer en práctica de cara ás municipais. Canto cren vostedes que pode tardar algún dirixente local, comarcal ou autonómico en buscar parentescos máis ou menos directos dalgunhas persoas seleccionadas para un posto calquera (cursos de formación, de reciclaxe, contratos temporais, etc.) con representantes políticos (ou aspirantes a selo)?

Ademais, é que o teñen moi fácil. Acostumados a ter todo o poder, cando gobernaban todas as institucións, dicían sen complexos que era normal que “a súa xente” acaparara os postos, porque era o reflexo da sociedade galega (lémbrese a Xosé Luis Baltar na Deputación de Ourense ou a Cacharro Pardo na de Lugo). E como perderon unha parte considerábel dese poder, resulta que xa cambiaron a vara de medir: agora non pode aprobar ninguén que se poida relacionar (aínda que só sexa polo voto) cos demais partidos. Pero os do PP si, porque como están na oposición, non poden ser relacionados co goberno. Que haxa candidatos doutras opcións políticas, que se din de esquerdas, que lle entren ao xogo á dereita galega nesta lameira política, é unha vergonza. Se non, que llo pregunten ao seu secretario xeral.

Con procesos de selección transparentes, nos que rexan os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade é como se pode conseguir unha administración eficaz. E así se fixo no Concello de Ribadeo. Pero non contentos, aínda teñen que difamar agora sobre a composición dos tribunais. De novo poñen en marcha o ventilador e, esquecendo as capacidades profesionais dos membros de tribunais seleccionados (de perfil heteroxéneo), resulta que, se aproba alguén que lles cae mal, entón hai trampa. Que pouca seriedade para alguén que di aspirar a gobernar pensando en todas e todos os ribadenses.

Mentres tanto, os representantes do BNG no concello de Ribadeo, han seguir traballando arreo para sacar adiante as nosas propostas e as que nos cheguen da man da veciñanza e poidan ser enriquecedoras para todos e todas. Co traballo de todos os días hemos de dignificar a vida das nosas institucións de goberno.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive