14 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG pedirá no pleno de Barreiros os proxectos de arranxo dos camiños deteriorados polas obras da A-8

02-02-11

Nota de prensa

O BNG PEDIRÁ NO VINDEIRO PLENO DE BARREIROS OS PROXECTOS DE ARRANXO DOS CAMIÑOS, QUE SE ATOPABAN DETERIORADOS POLO PASO DA MAQUINARIA QUE TRABALLOU NAS OBRAS DA AUTOVÍA. AOS NACIONALISTAS PARÉCELLES UNHA MÁGOA QUE OS VECIÑOS TIVESEN QUE ACUDIR AOS MEDIOS A DENUNCIAR ESTA SITUACIÓN.

Barreiros, 2 de febreiro de 2011. O BNG pedirá no vindeiro pleno de Barreiros os proxectos de arranxo dos camiños, que se atopaban deteriorados polo paso da maquinaria que traballou nas obras da autovía do Cantábrico. Aos nacionalistas parécelles unha mágoa que os veciños tivesen que acudir aos medios de comunicación a denunciar a situación e acusan de deixación de funcións ao alcalde, Alfonso Fuente.

O portavoz do BNG no Concello, Antonio Veiga sinalou que “cando está a piques de inaugurarse un novo tramo da A-8 vemos con preocupación como moitos veciños están a protestar por diversas obras derivadas da construcción da autovía. Están preocupados polos accesos, polas caídas e recollidas da auga, que nalgúns casos poden provocar inundacións, polos pasos elevados que se ían facer e non se fixeron e sobre todo polo mantemento e reposición dos viais deteriorados polo paso da maquinaria que traballou nese vial”.

Desde o BNG entenden que “é unha mágoa que teñan que protestar os propios veciños, que teñan que sair na prensa e que teñan que organizarse entre eles para evitar que esas obras os perxudiquen e queden sen solución sine die, sobre todo cando había creada no Concello, a instancias do BNG, unha comisión de seguimento das obras da autovía. Dita comisión reventóuna o PP, non se debían encontrar moi cómodos nela. Así temos que en Vilamar os veciños  teñen que sair a protestar á prensa polo deterioro dos viais e en San Cosme teñen que protestar porque o Santo Estevo do Ermo quedou sen uns accesos dignos, sen un paso elevado que tiña que haber por enriba da autovía e que era o que se prometeu nun principio. Agora hai que facer auténticos malabarismos para atopar o Santo Estevo do Ermo. Tamén queda algunha vía de servizo sen saída, por exemplo á estrada de Trabada, algo xa denunciado por varios veciños días pasados”.

Desde o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego consideran que “si a comisión de seguimiento de obras da autovía se reunise todos os meses tal e como tiñamos previsto e se visitaran coas asociacións de veciños todas as parroquias eses problemas hoxe en día estarían solucionados. O PP reventou a comisión porque lle era incómoda, non o entedemos porque temos un concelleiro de Obras que era un dos que ían estar á fronte dela. Non sabemos porque o alcalde, Alfonso Fuente, quixo reventar esta comisión de seguimento das obras da autovía. E agora aí aparecen os problemas e van ser difíciles de solucionar se non se atallan neste mesmo momento”.

Veiga Outeiro dixo que “entendemos que unha obra destas características ten que provocar incomodidades porque os camións tiñan que pasar por algún sitio, pero outra cousa é a solución que lles da despois aos veciños. Unha vez rematada a obra haberá que deixar esa rede viaria no mellor estado posible, como estaba ou mellor incluso e deixar os accesos a todos os montes e a todas as propiedades tal e como estaban ao principio. Unha obra desta envergadura non pode significar perxuizos para os veciños, ten que significar beneficios e para iso tíñase que poñer á fronte o Concello de Barreiros, tivo a súa oportunidade e non o quixo facer, así que o responsable de todo isto é o Concello, porque non esixiu o que tiña que esixir no seu momento. Nós cremos que é unha grave deixación de funcións e agora terano que pagar os veciños,  a ineficacia e a ineficiencia do Concello terana que pagar todos os veciños do concello”.

O BNG levará esta cuestión ao pleno do vindeiro venres, “que por certo tiña que terse celebrado o pasado luns e non sabemos porqué tampouco tivo lugar. Levaremos todas estas propostas e pediremos os proxectos de arranxo dos camiños, como representantes políticos e dos veciños temos que coñecer eses proxectos e a ver si satisfacen as súas demandas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive