Burela, 24 de novembro de 2014.- O alcalde, José Mª González Barcia, destacou o traballo que realiza o Concello en materia de igualdade, loita e prevención da violencia de xénero. Hoxe pasou por Burela a presidenta de Mujeres en Igualdad España, Carmen Funez.
O rexedor resaltou “o grao de implicación que ten o Concello en materia de igualdade, loita e prevención en violencia de xénero. O Centro de Información ás Mulleres de Burela foi un dos primeiros en poñerse en marcha en Galicia e este ano recibiu a maior subvención concedida pola Xunta para concellos similares ao de Burela, estamos a falar de 65.000 euros”.
González Barcia tivo palabras de agradecemento “para as traballadoras do CIM, é practicamente o mesmo equipo desde o seu inicio, ao que se foron incorporando novas profesionais”. E tamén subliñou “o traballo que realiza Mulleres en Igualdade Burela, é de admirar porque o fan dun xeito totalmente altruísta, sen pedir nada a cambio. Así o demostra os recoñecementos que está a recibir esta asociación por parte doutros colectivos involucrados tamén nos ámbitos da igualdade e da muller. Seguiremos traballando con Mulleres en Igualdade en todo o que poidamos e agardamos poder dar algunha información en breve da vivenda que hai unhas semanas reformamos e que se destinará a casos de emerxencia social”.
O alcalde recibiu esta mañá no Concello a Carmen Funez, senadora e presidenta da asociación Mujeres en Igualdad España, que esta tarde participa nun seminario sobre violencia de xénero en Burela, e ao que tamén acudirá a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, Ana Pacio; Jasone Lorenzo, diplomada en Ciencias Políticas; e Mary Fraga, presidenta de Mulleres en Igualdade de Burela.
Carmen Funez mantivo un encontro esta mañá no Concello co alcalde, coa concelleiras de Igualdade, Diana Durán e con Mary Fraga.