19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Fraga de Santo Estevo, declarada área de especial interese paisaxístico

18-02-16

18 de febreiro de 2016.- Con motivo do inicio da fase de información pública do futuro Catálogo das Paisaxes de Galicia, queremos informar que grazas aos membros da Irmandade Santo Estevo e a súa preocupación pola protección e conservación da Fraga de Santo Estevo e a súa contorna, durante o proceso de participación pública para a elaboración do catálogo propuxemos a fraga de Sto. Estevo como unha das áreas de especial interese paisaxístico.

Dende a Irmandade, queremos celebrar a inclusión da fraga no catálogo, seleccionada como unha das 9 paisaxes de especial interese paisaxística para toda a zona de A Mariña-Baixo Eo e resaltar a importancia xa non soamente do valor paisaxístico do lugar, plasmado principalmente na fervenza de Sto. Estevo e fraga do mesmo nome, senón tamén no importante valor ambiental e patrimonial deste recóndito lugar da Mariña Oriental Lucense, onde podemos atopar unha das escasas masas arboradas autóctonas da zona e que da acubillo a especies de animais e plantas protexidas.

Queremos facer unha mención especial á fraxilidade e vulnerabilidade da zona perante o turismo descontrolado, polo que urxe unha protección e ordeación do uso público deste espazo natural. Agardamos que este recoñecemento sexa un paso mais de cara á súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e a inclusión como paisaxe protexida no novo PXOM, solicitado no seu día pola Irmandade Santo Estevo e apoiado por tódalas forzas políticas municipais.

Este tipo de pequenos espazos de elevado valor ambiental deberían gozar dunha maior protección e divulgación dos seus valores, algo que dende a Irmandade tentamos conseguir con pequenas accións coma esta, porque Barreiros ten moito máis que sol e praia, ten unha fermosa fervenza destacada no catálogo e porque aínda que pequena, ten tamén unha das mellores representacións de como eran as masas arboradas autóctonas da mariña, na cal queda moito por investigar e dar a coñecer tanto á poboación local coma a calquera persoa que a veña a visitar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive