Ribadeo, 16 de decembro de 2016. A pista de xeo natural, instalada por segundo ano consecutivo no parque de San Francisco en Ribadeo, abrirá as súas portas este sábado, 17 de decembro, ás 12.00 horas. Todo está listo e preparado para recibir aos centos de persoas que se achegarán este Nadal a Ribadeo a patinar nunha pista XL, “xa que as súas dimensións son moito maiores que as do ano pasado”, explicaba o rexedor hai uns días durante a súa presentación.
Este venres estiveron a supervisar a pista de xeo o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo, Ana Martínez, a concelleira de Mocidade, Vanesa Yanes, e o presidente de Acisa, David Martínez. Tod@s animaron “aos veciños e veciñas da comarca da Mariña, do Occidente asturiano e do resto da provincia de Lugo a visitar Ribadeo durante as vindeiras semanas para patinar nunha pista de xeo natural”. E lembraron que “aquelas persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados a Acisa obterán un desconto do 50% no prezo da entrada á pista de xeo”. O prezo das entradas será de 6 euros, agás para aqueles que presenten os tíckets das súas compras e o vale de desconto de Acisa, xa que deste xeito só pagarán 3 euros.
Na pista de xeo traballarán durante estes días 4 persoas. Estará aberta do 17 de decembro ao 8 de xaneiro en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 17 a 22 horas polas tardes. Os días de Noiteboa e Fin de Ano pechará ás oito da tarde.