23 de Maio de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

65 centros educativos lucenses participan este curso nas actividades do plan Proxecta

07-01-17

Lugo, 6 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o curso 2016/17, no que participarán un total de 65 centros de ensino da provincia de Lugo. Ao seu abeiro, 8.685 alumnos desenvolverán 133 proxectos diferentes nalgún dos 41 programas que compoñen esta iniciativa. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161228/AnuncioG0164-201216-0005_gl.html .

No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 428 centros de ensino, nos que 90.939 alumnas e alumnos (un 7% máis ca no curso anterior) e 5.300 docentes desenvolverán un total de 791 proxectos. Pode obterse información sobre os 41 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta .

Novidades
Este curso 2016/17 incorporáronse nove novos programas, dos que tres son impulsados por Cultura e Educación: ‘Proxectos de innovación en dinamización lingüística’, un programa de fomento da innovación nos impulsos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento cultural que garanta a plena competencia comunicativa; ‘Cined’, para o fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo; e ‘Educación en valores e cidadanía global’, de promoción e defensa dos dereitos da infancia e do exercicio da cidadanía global e responsable.

Outras tres das nove iniciativas novas son impulsadas polo departamento de Política Social. ‘Voluntariado miúdo’ promove a adquisición de competencias a través de proxectos de acción voluntaria que permitan fortalecer a educación en valores solidarios dende realidades concretas adaptadas ás idades do alumnado, mentres ‘Aulas I+I’ é un programa que desenvolve estratexias a prol da inclusión das persoas con capacidades diferentes nas aulas. Pola súa parte, ‘Conecta Cultura’ ofrece un marco de reflexión e acción para dotar de ferramentas didácticas a abordaxe positiva da multiculturalidade co fin de convertela en interculturalidade.

Proxectos socioeducativos e condutas seguras
Desenvolvido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ‘+Comunidade’ é un proxecto de intervención socioeducativa centrada no coñecemento, análise e actuación práctica, desde unha perspectiva cooperativa e de xénero, sobre as problemáticas socioambientais locais e a súa relación co contexto global, coa finalidade de xerar alternativas concretas de actuación entre o alumnado e o profesorado para a construción dunha cultura máis sostible.

‘Moitavista na Escola’, da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como fin sensibilizar o alumnado sobre a importancia da prevención de riscos asociados á contorna escolar e promoción de condutas seguras e saudables; mentres que ‘Xente con Don’, da de Sanidade, é un programa de prevención de prácticas sexuais de risco na mocidade e loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas por infeccións de transmisión sexual.

Ademais destas novas incorporacións, reformuláronse distintos programas co fin de darlle un maior aproveitamento ao traballo por proxectos e á cooperación interinstitucional. Deste xeito ofértanse renovados ‘Aliméntate ben’, que afonda no tratamento dos principios alimentarios coa participación da Consellería de Sanidade; e ‘PDC – Centros activos e saudables’, que unifica os programas de vida activa a través dun único programa deportivo con distintas modalidades no seu interior. Tamén se reformulan ‘Protexe o teu medio’ e ‘Quérote+’, co fin de mellorar os seus obxectivos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive