20 de Novembro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Goberno da Deputación promociona os produtos autóctonos colaborando coa Feira do Mel de Muras

16-11-17

IMG_20171110_132208Lugo, 10 de novembro de 2017. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao Alcalde de Muras, Manuel Requeijo; e ao Tenente Alcalde, Mario Rouco, presentaron este venres, na praza do Viveiró, a III Feira do Mel da montaña de Muras. Trátase da cita gastronómica que terá lugar os días 18 e 19 de novembro no municipio de Muras. O Goberno da Deputación colabora coa Feira cunha achega económica de 3.000 euros. Esta colaboración está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo para poñer en valor os produtos autóctonos e contribuír así a desestacionalizar o turismo.

Vidal Baamonde destacou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta terceira edición da Feira do Mel, co obxectivo de potenciar e dar a coñecer este produto exquisito e de primeira calidade da nosa provincia, que se elabora no corazón da Serra do Xistral, ao tempo que dinamizamos a economía e o turismo deste Concello da Terra Chá, pois se prevé a participación de máis de 3.000 persoas durante as dúas xornadas que dura esta cita gastronómica.”

O Deputado de Turismo apuntou que “en Muras existen, actualmente, 25 explotacións apícolas, con 1.000 colmeas, constituíndo un importante complemento para a gandaría da zona. Anualmente prodúcense entre 700 e 2.000 litros de mel, dependendo das condicións climatolóxicas desa tempada, o que supón un importante complemento económico para as familias”.

Pola súa parte, Manuel Requeijo agradeceu a colaboración da Deputación para a celebración desta feira e convidou a todos os visitantes a achegarse os días 18 e 19 ata Muras, “para que coñezan o noso rico patrimonio arqueolóxico, paisaxístico, natural e por suposto que poidan desfrutar do produto estrela desta cita, o mel, que xa é un referente en toda a Comarca”.

O prezo de venta mínimo do mel roldará os 6 euros. Esta terceira edición contará cun total de 11 expositores, que ademais de mel, porán a venda produtos autóctonos e de tempada, como queixos, castañas, empanadas ou licores, entre outros moitos. Ademais durante toda a fin de semana os asistentes poderán participar en diversas actividades relacionadas co sector apícola como, charlas informativas, un concurso de mel, así como unha demostración de extracción de resina da man do profesional Francisco Domínguez. Tamén haberá actividades dirixidas aos máis pequenos como un obradoiro de cestería e ceras de mel. A música correra a cargo do Dúo Meirtxell e do cantautor Miguel Alonso.

Programación da Feira
A III edición da Feira do Mel da montaña de Muras que terá lugar na praza do Viveiró, na parroquia de Santa María do Viveiró. A cita contará coas seguintes actividades na súa programación:

Sábado, 18 de novembro
16:00-19:00 horas.- Concurso de calidade do mel de muras.
19:00 horas.- Relatorio de Xesús Feás A apicultura: unha actividade necesaria para a vida da terra. O potencial de Muras.
20:30 horas.- Degustación gratuíta de lacón.
21:00 horas.- Actuación musical.

Domingo, 19 de novembro
10:00 horas-19:00 horas.- Feira do Mel de Muras.
11:00-19:00 horas.- Apertura dos postos. Obradoiro de cestería e emisión en directo do programa Somos quen da Radio Galega.
12:00 horas.- Obradoiro doce con mel.
14:00-16:00 horas.- Actuación musical durante o xantar: Miguel Alonso.
16:00-17:30 horas.- Degustacións de doces elaborados con mel.
17:30-18:30 horas.- Obradoiro lúdico para nenos.
18:30 horas.- Entrega de premios do Concurso de mel.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive