Lugo, 14 de decembro de 2017. A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a coordinadora do proxecto, Concha Losada, e o musicólogo, Sergio de la Ossa, presentaron este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). Trátase do fondo documental e dixital do Museo do Pobo Galego sobre música tradicional galega, festas e celebracións populares, entrevistas e outros documentos audiovisuais, así como un grande número de datos etnoculturais, que ten como obxectivo promocionar e impulsar o patrimonio inmaterial e cultural galego ao tempo que se poida empregar como un recurso didáctico. O recoñecido musicólogo galego Serxio de la Ossa é o encargado de realizar o proceso de dixitalización e catalogación de todo este material para que poida ser empregado e consultado en www.apoi-mpg.org. Todos os arquivos da base de datos do APOI son cedidos polos autores que asinan os seus traballos, sendo publicamente recoñecidos e respectando o seus dereitos.
López Izquierdo destacou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego con 16.000 euros que permiten a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos. Facémolo porque estamos convencidos da necesidade de que as administración públicas se impliquen no estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo. Dentro desta liña, dende o Goberno da Deputación colaboramos con ducias de asociacións culturais como a Fundación Uxio Novoneyra; Manuel María; Otero Pedrayo; Carlos Casares ou coa propia Real Academia Galega, coa que vimos de asinar un convenio de 9.000 euros para a promoción do Galego”.
40 anos do Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, fai 40 anos, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela.