- O Concello de Vilalba participou na homenaxe á actriz Cristina Castaño na Semana de Cine de Lugo, onde o tenente de alcaldesa Eduardo Vidal destacou o vínculo da intérprete coa vila e o orgullo que supón a súa traxectoria
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
- O Salón de Actos de Xove encheuse este venres de ilusión, maxia e aprendizaxe coa actuación do Mago Rafa, que presentou o seu espectáculo “Abrazando a igualdade” para todo o alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
- Foz protagonizou este venres o programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitiu en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
- Lucía Legazpi López, a afortunada co Pasaporte de Acisa, voou estes días a Lanzarote para gozar do seu premio
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
- Unha ITV móbil para inspección de vehículos agrícolas estará no mercado gandeiro de Vilanova de Lourenzá os días 5, 6, 7 e 8 de outubro
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web www.sycitv.com.
- O Concello de Tapia de Casariego enviará á Consejería de Educación e ao Consorcio de Transportes o informe da Policía Local que alerta de que a supresión da parada escolar da Ventosa, en Mántaras, obriga seis alumnos a realizar un itinerario de 2,1 km pola N‑634 sen iluminación nin pasos de peóns, con riscos graves para a súa seguridade
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
- A Sala Cultural Xosé Vizoso, en Sargadelos, acolleu esta fin de semana o II Torneo de Xadrez de Cervo, unha cita na que a concentración, o deporte e o xogo en equipo foron protagonistas
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.