18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Feira do Bonito en Burela 2019”, por Alfredo Llano

28-07-19

Toca celebrar a XXXV edición da Feira do Bonito de Burela. Con inicio no ano 1983 foi asentándose con autoridade como un atractivo cultural, turístico, social e económico no noso concello. Vista con perspectiva ampla, esta feira é unha homenaxe ós mariñeiros, ó mar, ó peixe, á actividade pesqueira sostible, ó medio ambiente e á solidariedade como práctica para unir a un pobo.

A Feira do Bonito implica moito traballo. Traballo que comparten moitos voluntarios e moitas voluntarias, con sesións laborais longas e intensas, necesarias para acadar un resultado óptimo na preparación e na oferta de máis de 3000 quilos de Bonito do Norte que se consumen preparados á grella, cocidos, en empanada, en salpicón e en marmitako. A Asociación Cultural Ledicia organiza, reparte actividade e xestiona todo o proceso.

Son moitos anos celebrando esta feira. Co tempo foi gañando unha personalidade e calidade que a definen como un evento de recoñecido prestixio no conxunto das ofertas gastronómicas de Galicia. No ano 1999 gañou, por méritos propios, o título de Interés Turístico Galego. E este ano, no 2019, acadou o Título Honorífico de Interés Turístico Nacional.

Con este novo recoñecemento valórase a implicación colectiva, solidaria e comprometida de moitos homes e moitas mulleres que aportan valor, identificación e recoñecemento ó seu pobo, ó seu porto e á pesca como oficio nobre e eterno. A motivación de toda esta xente é o orgullo de ofrecer o mellor de si mesmos. Valora á Asociación Cultural Ledicia por crer nun proxecto que aporta tanto a Burela. Ledicia é fundamental. E tamén se valora o entusiasmo, traballo, implicación, responsabilidade e loita amosada polo Concello de Burela, co concelleiro de Cultura , José Díaz, á fronte, que iniciou e culminou este proceso de recoñecemento.

Este evento tamén nos serve para transmitir a nosa forma de exercer a actividade pesqueira, que se basea no respecto á especie, ó medio ambiente, á sustentabilidade e ó emprego de artes tradicionais. Por iso presumimos da calidade dos peixes que se comercializan en Burela. O noso bonito ten calidade suprema.

A Feira do Bonito está rebozada con múltiples actos culturais e musicais que reforzan o atractivo de visitar Burela o primeiro sábado e domingo do mes de agosto. Ademais, como complemento total, realizarase a III edición do Certame Internacional de Pintura Mural AMARTE e estará montada no mesmo recinto do porto a XIX Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos PRODUART. Imposible quedarse na casa.

A Feira do Bonito vai gañar peso. Axudará, e moito, a situar a Burela no mapa do mundo. Quero agradecer o esforzo e implicación de todas as persoas que participan e apoian esta feira, por que contribúen tamén á mellora integral de Burela.

Alfredo Llano García. Alcalde de Burela

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive