18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación dálle continuidade á imaxe de Martín Barreiro como embaixador da campaña turística Lugo Cambia

16-08-19

 Lugo, 16 de agosto de 2019. A Deputación de Lugo dálle continuidade á imaxe do recoñecido físico e presentador de televisión lucense Martín Barreiro como embaixador da provincia de Lugo para o desenvolvemento de novas accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia creada pola Deputación no marco do Plan Estratéxico de Turismo.
A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación de Barreiro para este fin. “Cremos que unha persoa coma el moi recoñecida socialmente a nivel nacional, cunha imaxe positiva e de credibilidade, e con grandes dotes comunicativas, contribúe de xeito importante a proxectar a imaxe da nosa provincia no exterior”, subliñou a voceira socialista do Goberno e Deputada de Turismo, Pilar García Porto.
Así mesmo, a Xunta de Goberno deulle o visto bo ao Plan de Seguridade e Saúde no Traballo preceptivo para acometer o proxecto de acondicionamento dun treito de 2,2qms –entre os pk 47,7 e 49,9- do cinto comarcal de Friol, a estrada LU-P-1611, que conta cun investimento de 200.000€. Estas obras súmanse ás que xa acometeu a Deputación nesta vía, entre o qm 46,8 e 47,7. Esta estrada é a que rodea á capital lucense, que vai dende o núcleo de Friol cara o polígono industrial de Begonte, á parroquia de Ousá. Complementa a estrada da Xunta que vén de Palas e que empregan os veciños desta localidade e de Friol para incorporarse á A-6. Unha vez aprobado o plan de seguridade, o inicio das obras é inminente.
Estrada Momán-As Pontes
Así mesmo, a preguntas dos xornalistas, a voceira socialista deixou claro que o compromiso por parte da Deputación de Lugo coa mellora da estrada Momán-As Pontes, a LU-P-2204, no Concello de Xermade, “é absoluto, tanto que non só é unha vontade política, senón que xa está plasmado documentalmente, e por iso o 7 de marzo deste ano se formalizou un contrato por preto de 500.000€ para acometer as melloras entre os puntos quilométricos 4 e 7”. García Porto precisou non obstante que para poder acometer as obras “estamos pendentes de que os veciños desta zona fagan a parte que lles corresponde, que é a cesión dos terreos. E creo que aí o cura párroco tamén podería facer unha labor para incentivar si quere dalgún xeito a todos os veciños para que ese compromiso que había de que a Deputación facía o proxecto e acometía as obras e os veciños cedían os terreos, se faga realidade o máis pronto posible. É certo que algúns xa cederon os terreos, pero outros non, e o que non podemos facer é acometer unha obra por tramos, cando menos teremos que ter uns treitos duns cantos metros que nos permitan avanzar na obra”.
O proxecto consiste na ampliación da plataforma para dispoñer dunha calzada de 7ms. de ancho, a drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución unha vez iniciados os traballos é de 11 meses. Toda a información sobre o proceso de contratación desta obra é publica, e está colgada no Perfil do Contratante da Deputación, aloxado na web da institución provincial: www.deputacionlugo.gal En tanto estas obras non poden acometerse, a Deputación está a acometer un bacheo.
O investimento na reforma integral destes 3 novos quilómetros da vía Momán-As Pontes ascende a 452.000€, que se suman aos 414.000 xa destinados para o arranxo da estrada entre os puntos quilométricos 0 a 2 e 414.000€, ao treito entre os quilómetros 2 e 4. Isto suma 1,1M€ e o arranxo de 7 quilómetros, co que quedarían pendentes 2,8 quilómetros para rematar coa mellora integral da vía.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive