26 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta licita obras de reforma no sistema de climatización no centro de cultivos mariños de Ribadeo, cun investimento de 193.000 euros

10-08-19

 Ribadeo, 9 de agosto de 2019.- A Consellería do Mar licitou hoxe na plataforma pública Contratos de Galicia a obra de subministración e reforma da instalación térmica para climatización no centro de cultivos mariños de Ribadeo, tanto no edificio de oficinas como no laboratorio, incluíndo piscinas de crías de larvas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o orzamento de licitación ascende a 193.000 euros, e as empresas interesadas en concorrer teñen de prazo ata o 28 de agosto para presentar as súas ofertas. Está previso que as obras poidan comezar no mes de outubro, e teñen un prazo máximo de execución de dous meses.

A actuación substituirá o actual sistema de acumuladores eléctricos por unha bomba de calor que tomará a auga do mar para a produción de frío ou calor nas instalacións, e que servirá para a climatización, a produción de auga quente sanitaria e a xeración de calor para o mantemento da temperatura das piscinas de crías de larvas.

Nestas instalacións quéntase de forma continuada a auga do mar para manter estable a temperatura das piscinas de cría, o que conleva un notable consumo enerxético. Neste sentido, o novo sistema está pensado para reportar un aforro de máis do 70 por cento no consumo de enerxía primaria (en concreto o 71,8%) e na emisión de dióxido de carbono á atmósfera (o 74,2%).

A maquinaria está situada no exterior, na explanada existente detrás das instalacións, e haberá un termostato de ambiente dixital en cada local para controlar a temperatura dos distintos espazos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive