13 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Grallal ten novos donos”, por Francisco Luis R. Guerreiro

28-08-19

Poucos días despois da publicación neste medio dun artigo da miña autoría, Desleixo S.A. saio outra volta á palestra co mesmo asunto. Fágoo porque agora dispoño de nova información que quero compartir coa veciñanza: Grallal ten novos donos.
Unha S. L., empresa con domicilio en Alcobendas (Madrid), podería ser á día de hoxe a nova propietaria do pazo e da finca de Covas que conta con algo máis de once mil metros cadrados.
Tendo en conta as información publicadas nos medios, este Pazo, legado no 2006 pola derradeira propietaria ao daquela párroco de Covas, foi posto á venda hai máis de cinco anos cun prezo inicial de saída de 375.000 euros. Os beneficios obtidos serían destinados—sempre segundo o que daquela manifestou o ex párroco—“a obras piadosas” que el determinase.
En vida das antigas propietarias ou xa en mans do “xestor” que recibiu o legado da derradeira herdeira dos Pérez-Labarta Pillado, este Pazo debería ter mantido sempre un mínimo coidado no seu aspecto exterior, nomeadamente no seu portón de entrada que ten hoxe o seu frontón triangular cuberto pola hedra. E non foi así, aínda que recursos económicos non deberon faltar nunca para un mínimo mantenemento. Agora que o Pazo de Grallal ten novos propietarios coido que hai máis razón para rematar co abandono no que se atopa este edificio catalogado, asunto este que motivou o meu anterior artigo neste xornal.
Dos novos amos do Pazo, a Sociedade Limitada da que o Concello e Patrimonio da Xunta teñen que coñecer os seus datos—están disponíbeis no Catastro, nos Rexistros da Propiedade ou do Mercantil—nada vou comentar, aínda que deixo no ar unas cantas preguntas: é unha empresa inmobiliaria?, os compradores son coleccionistas de arte? , exercen algún mecenato das Artes Decorativas?, que van facer co Pazo de Grallal?. As respostas non deberían ficar soprando no vento. Fagan pois, os xornalistas daquí en adiante o seu labor de investigación e manteñan á veciñanza informada.
Do destino da Biblioteca que existiu no Pazo non dispoño de información. Se cadra algún día o investigador Carlos Adrán—a voz máis autorizada neste asunto—nos ilustra ao respeito.
E agora que Grallal ten novos donos é de agardar que arranxen canto antes –insisto—o portalón da entrada, o que linda con Inglaterra mar por medio.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive