26 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“¡E para isto unha moción de censura!”, por Elena Candia

24-09-19

«En política o que non é posible é falso», segundo afirmación reiteradamente atribuída a Cánovas. Seguindo esta liña de pensamento, é evidente que as negociacións do socialista Pedro Sánchez co podemita Pablo Iglesias e outros non foron posibles porque foron falsas. Foron falsas polo menos por parte do secretario xeral do PSOE e presidente en funcións de España; é dicir, só houbo aparencia de negociacións, porque nunca foron desenvolvidas con verdadeira vontade de acordo. Agora xa sabemos sen ningún xénero de dúbida que era isto, a imposibilidade de acordo, o que buscaba Pedro Sánchez, que, convencido de que a repetición electoral reforzará a súa situación, antepuxo de xeito irresponsable os seus propios intereses aos da nación, aos intereses dos españois. E así chegamos, empurrados por un presidente irresponsable, á repetición das eleccións xerais nun momento que política, social e economicamente é moi delicado. E así chegamos tamén a unha situación en que a irresponsabilidade, o egoísmo e a inmatureza dun líder ten sumidos aos cidadáns no cansazo de todo o que soe a política e na desconfianza en todo aquilo que ten que ver con ela. É o triste balance do traballo dun home que non dubidou en promover unha moción de censura tan innecesaria como prexudicial para o país.

Agora xa non cabe dúbida. Ninguén que mire o mundo sen anteolleiras pode dubidar de cales foron as verdadeiras intencións que levaron a Pedro Sánchez a presentar a moción de censura para botar a Mariano Rajoy da presidencia do Goberno. Non, non hai máis interpretación acertada que a que sitúa a explicación na desmesurada ambición de Sánchez; unha ambición que non encontra o seu límite nin sequera no interese do país, dos cidadáns. Derribou, vía moción de censura, cos apoios de todos sabidos, a un presidente que tiña os orzamentos aprobados cos votos a favor de sete forzas políticas; é dicir, dispoñía da ferramenta fundamental para que o país seguise avanzando de maneira decidida, como o estaba facendo, como os mellores do seu entorno. Foi unha moción de censura a un presidente, Mariano Rajoy, que deu sobradas probas da súa capacidade para buscar o consenso. Foi unha moción de censura a un presidente que guiou con acerto ao país no medio da tormenta perfecta dunha crise da que saímos moito menos tocados que outros nacións do noso entorno. Pero a Pedro Sánchez todo iso dálle igual; ao socialista Sánchez só lle importan el e a su vontade de poder. Por iso, o seu obxectivo, coincidente co de aqueles aos que enganou no simulacro de negociación, é apartar do poder ao PP, ao único partido que sabe que está en condicións de impedir que volva á Moncloa e ao Falcon. Sánchez responsabiliza agora aos outros, aos que non quixeron pactar con el, da repetición das eleccións, é dicir, o contrario do que destacaba cando era Rajoy quen buscaba apoios para a investidura. Para Sánchez, a responsabilidade sempre é dos outros.

En medio de toda esta situación disparatada, provocada pola ambición de Pedro Sánchez, hai algo positivo: de aquí as eleccións, todos os españois saben xa que poden esperar do candidato socialista a repetir na presidencia do Goberno. Que ninguén se chame a engano, porque será responsabilidade de cada un caer ou non de novo nas trampas do señor Sánchez e dos que lle preparan o terreo mediante enquisas pagadas con fondos públicos. Cada un, á hora de votar, é moi libre de tomar as decisións que considere máis oportunas. Eu estou convencida de que esta vez a irresponsabilidade non lle vai saír gratis ao señor Sánchez. A sociedade está cansa da infame representación teatral que organizou, sen máis obxectivo que mellorar a súa situación política e apartar do poder ao PP. Por iso, estou segura de que os cidadáns poñerán ao señor Sánchez e ao PSOE no seu sitio. E o seu sitio non é a presidencia do Goberno de España, porque non é sitio para os que actúan de mala fe. Cánovas deixou dito que «a mala fe política é acaso más delituosa que aquela que castigan os códigos nos negocios privados».

Elena Candia
Presidenta provincial do Partido Popular

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive