25 de Xaneiro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP leva ao Parlamento galego unha iniciativa para que o Goberno central garanta o mantemento do servizo de venda presencial de billetes nas estacións ferroviarias lucenses

14-01-20

 Compostela, 14 de xaneiro, 2020. O deputado do PP no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, anuncia que “o Grupo Popular presenta unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno do Estado a que garanta o mantemento do servizo de venda presencial de billetes nas estacións de tren e que, polo tanto, rectifique a decisión de deixar sen este servizo a varias estacións ferroviarias na nosa comunidade”. Concretamente, “esta decisión do Executivo de Pedro Sánchez afecta a tres estacións da nosa provincia: as de Burela e Viveiro -na comarca da Mariña- e tamén a de Sarria”, indica o popular.

Vega sinala que “non se pode tolerar outro recorte aos cidadáns por parte do Goberno do PSOE”. É máis, o popular considera que “este servizo de venda de billetes de forma directa por parte do persoal que traballa nas estacións é fundamental para a pervivencia do transporte de viaxeiros por tren nas comarcas da provincia de Lugo e, especialmente, na da Mariña”.

O popular insiste en que “con esta Proposición Non de Lei, dende o Grupo Parlamentario Popular de Galicia pretendemos que o Goberno garanta o servizo de venda presencial de billetes en todas as estacións ferroviarias lucenses: tanto nas que foi suprimido a comezos deste ano coma no resto das estacións da provincia”.

O deputado autonómico sinala que “dende a Xunta de Galicia xa trasladaron ao Goberno o seu desacordo en relación á decisión de prescindir deste servizo que afecta, principalmente, ao rural” porque, neste caso, “incumpre o obxectivo de ofrecer servizos ferroviarios de calidade e proximidade”. Vega entende que “isto suporía un prexuízo para os veciños e veciñas do rural” e contribuiría a “retroceder na vertebración territorial e cohesión social”.

Daniel Vega recorda tamén que “a finais do 2016, cando tiveramos noticias que apuntaban a que o transvase do canal de vendas presencial de billetes das estacións de ADIF a Renfe suporía o abandono do servizo en varias estacións do rural galego -entre elas, da de Sarria-; a presión trasladada polas distintas institucións coma a propio Parlamento de Galicia ou a Xunta de Galicia ao Goberno presidido por Mariano Rajoy fixo que ADIF abandonase ese plan de peche”.

A proposta que o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta para o seu debate en Comisión é a seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno español que rectifique a decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes as estacións ferroviarias de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela e tome as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nas estacións afectadas”.

Outras iniciativas do PP lucense
O Partido Popular de Lugo xa anunciara que non ía quedar calado diante do ataque á atención aos usuarios dos servizos de ferrocarril na provincia que supón o peche da venda presencial de billetes nas estacións de Burela, Sarria e Viveiro. Así, os populares defenden iniciativas nos concellos afectados por esta decisión que merma a atención dos deteriorados servizos ferroviarios na provincia e tamén os deputados presentaron no Congreso preguntas ao Goberno para coñecer os motivos que xustifican a supresión do servizo nas tres localidades lucenses e as alternativas que se ofrecerán aos viaxeiros. Igualmente, os senadores populares da nosa provincia queren saber se Renfe rectificará a inxusta decisión de suprimir a venda presencial de billetes que “priva aos usuarios dun servizo que estaba previsto que se mantivera”, segundo teñen manifestado.

Así mesmo, nos últimos días, a máxima dirixente dos populares lucenses, Elena Candia, mantivo unha xuntanza de traballo con representantes da Plataforma Lugo Non Perdas o Tren co obxectivo de facer unha fronte común na demanda de melloras e no rexeitamento á perda de servizos ferroviarios na provincia.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive