22 de Febreiro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP esixe a Tomé que explique por que Tragsa utiliza maquinaria de Suplusa para manter as zonas verdes propiedade da Deputación

13-02-20

 Lugo, a 13 de febreiro de 2020. Maquinaria propiedade da Sociedad Urbanística Provincial de Lugo S.A (Suplusa) está sendo utilizada por Tragsa para o mantemento das zonas verdes das que antes se encargaba a citada sociedade provincial. Os vinte traballadores de Suplusa, sociedade agora en liquidación, que se encargaban das citadas tarefas, desempéñanas desde o pasado 1 de xaneiro en Tragsa, debido ao acordo establecido pola Deputación con esta empresa pública.

Á vista de que Tragsa está usando, desde primeiros de ano, maquinaria de Suplusa, o grupo Provincial Popular esixe explicacións ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, sobre as condicións en que se produce tal utilización. Os deputados populares queren saber se a Deputación estableceu algún acordo, e, de habelo, de que tipo, con Tragsa para usar a maquinaria adquirida con fondos provinciais.

A lista de máquinas procedentes de Suplusa que están a disposición de Tragsa son un camión, dúas furgonetas, unha pala escavadora, un turismo e desbrozadoras, entre outras. Os deputados populares avisan de que, de non mediar un convenio ou algún outro tipo de acordo entre as partes, a utilización por unha empresa que non é Suplusa destas máquinas podería constituír unha ilegalidade.

A estas alturas, máis que dúbidas empeza a consolidarse a convicción de que o bigoberno provincial non dixo toda a verdade sobre o custe que terá para a Deputación o mantemento das zonas verdes a través de Tragsa. É hora de que o presidente, José Tomé, e o goberno que preside aclare aos lucenses en xeral canto lle costa á Deputación esta fórmula. En todo caso, o PP utilizará todos os recursos ao seu alcance para obter esta información de xeito detallado, porque todo indica que hai un aumento de custes, que pode chegar a ser moi considerable. Os deputados provinciais do Partido Popular esperan aclaracións detalladas sobre as dúas cuestións expostas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive