10 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG pide rematar o curso coa tele-docencia e planificar o vindeiro curso en dialogo coa comunidade educativa

22-05-20

Santiago de Compostela, 22 de maio 2020. Ante a volta ás aulas do alumnado de alumnado de 2º de BACH e Formación Profesional o vindeiro luns, a deputada e portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil afirma que o virus non desapareceu e resulta “unha irresponsabilidade” a volta xeral as aulas con carácter xeral e que a Consellería responsabilice aos centros educativos da compra de materiais de protección.

Para a deputada do BNG, “o curso debe rematar coa tele-docencia”, agás aquelas excepcións nas que sexa preciso reforzar a aprendizaxe do alumnado de maneira presencial, fundamentalmente entre o estudantado que irá á ABAU e sempre garantindo as condicións de seguridade e hixiénico-sanitarias que eviten calquera tipo de contaxio entre o persoal docente e o alumnado.

Ao seu xuízo, a Xunta de Galiza e a Consellaría de Educación, “deberían estar a planificar e deseñar, en diálogo permanente coa comunidade educativa, o curso 2020/2021”, porque será un dos grandes retos ante un probable rebrote da COVID-19 en outono e resultaría “unha irresponsabilidade” comezar o curso sen as debidas garantías de protección e prevención. “Non só hai que reorganizar os centros, o profesorado e as aulas; tamén os servizos de transporte e os comedores escolares”.

O profesorado, explica a nacionalista, fixo un gran esforzo ao longo destes meses sen recibir practicamente axuda da Consellaría de Educación para adaptarse á tele-docencia, para adaptar a programación e para manter o contacto co alumnado nunhas condicións moi precarias en canto á conexión a Internet.

Rodil reclama á Xunta de Galiza e á Consellaría de Educación “prudencia e responsabilidade” e que as condicións de seguridade hixiénico-sanitarias non dependan dos centros segundo o protocolo presentado na Mesa sectorial para a adquisición de material imprescindíbel como o xel hidroalcólico, luvas, papeleiras de pedal, pantallas e máscaras.

“O mínimo que se pode exixir ao goberno galego nunha situación coma esta é que habilite unha partida orzamentaria extraordinaria na Consellaría para adquirir e subministrar o material que deben dispoñer os centros público, porque isto non pode ser o sálvese quen poda”.

O BNG volve a pedir a Xunta “prudencia, previsión, planificación e responsabilidade”, na volta ás aulas o vindeiro luns, e advirte que nin os centros nin o persoal conta coas garantías de seguridade mínimas.

As présas son malas compañeiras e malia a mellora dos datos sanitarios en Galiza o virus non desapareceu, “é unha irresponsabilidade crer que todo volveu á normalidade”. De feito, algúns países europeos que decidiron apresuradamente reabrir tiveron que dar marcha atrás, en Galiza non pode acontecer iso. “Non se pode improvisar nestas circunstancias só porque o Partido Popular queira lanzar desde a Xunta unha idea de normalidade que non é tal. É unha temeridade”, recalca Roidl.

Medidas de conciliación

Para a nacionalista, as dificultades económicas e de conciliación xeran nas familias unha situación cada vez máis complexa a medida que se re-estableza a volta ao traballo presencial. Neste sentido, o BNG reclama á Xunta de Galiza medidas que garantan o dereito a conciliar favorecendo o tele-traballo cando sexa posíbel, permitindo xornadas reducidas ou horarios intensivos sen perda de salario a través, da aprobación dunha prestación social pública compensatoria; creando servizos públicos novos e reforzando os xa existentes e medidas hixiénico-sanitarias, para garantir o dereito de conciliación.

“A conciliación e a co-responsabilidade son dúas das grandes materias pendentes” como denuncia o movemento feminista e a crise provocada pola COVID-19 fíxoo aínda máis evidente. “É urxente adoptar medidas que permitan conciliar a vida familiar e laboral no grave contexto provocado pola pandemia”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive