Sorteos
Organizado pola Asociación Cultural "O Castelo", celebrouse este día 17 na Casa da Cultura de Alfoz un acto cultural que contou con dobre oferta. En primeiro lugar o escritor e profesor Lionel Rexes, membro do Seminario de Estudos do Valadouro, deu unha conferencia sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño. A continuación o grupo de teatro "O Bordelo" de Cervo representou a obra titulada "Apedradas", orixinal do seu Director Paco Piñeiro.
O pasado xoves, día 16, véspera das Letras Galegas, o programa Parolando, seguindo o seu costume de tratar temas relacionados co idioma galego nestas datas, organizou un debate para falar da posible existencia dunha arte típicamente galega. Os invitados foron Daniel Río "Caxigueiro", escultor mindoniense residente en San Martiño, e Xoán Guerreiro, pintor de Xove, ós que acompañaron os habituales colaboradores do programa Matías Nicieza e Ruth Rodríguez. Tamén houbo dúas entrevista, a Iria Braña, gañadora do concurso de Parlamento Xove co Instituto de Foz, e a Patricia, co-propietaria da Asociación "Meniños" de Burela, ademais da sección de Curiosidades de Pepe de Xermán.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, ven de finalizar os traballos de conservación e mellora do río Baos, ao seu paso polo concello de Lourenzá. Estas tarefas de mantemento dun treito que alcanza os 5,7 quilómetros na parroquia de Vilanova, están enmarcados no programa de conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección. Os traballos centráronse na retirada de árbores e ramas caídas no leito, así coma a retirada dos residuos inorgánicos presentes no treito. Grazas a estas actuacións que supuxeron un orzamento de preto dos 5.500 euros, o río amosarase despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluídas das augas.
O certame de narración e debuxo “Letras Galegas 2013” A toda máquina convocado pola Biblioteca de Lourenzá xa ten gañadores. Jerom Moirón fíxose co premio na categoría A (ata 8 anos) tanto en debuxo coma en narrativa. Nerea Álvarez e Claudia Carril resultaron gañadoras tamén en narrativa na mesma categoría; mentres que en debuxo tamén alcanzaron as posicións gañadoras Adriana Polo e María Sánchez. Javier Álvarez, Aroa Sordo e Antía Lillo proclamáronse gañadores na categoría B (de 9 a 11 anos) en ambas especialidades; mentres que na categoría C (de 12 a 16 anos) destacáronse os traballos de Marco Ángel Polo, Cristian Piñeiro e Codés Lillo, en narrativa; e de Iván García, Marina Rivas e Ilyass Khaled, en debuxo.
Os Aventados celebran as Letras Galegas 2013 o sábado 18 de maio ás 20:00h na Casa da Cultura do porto de San Cibrao coa lectura ante o público de poemas de Rosalía de Castro e música a cargo do Grupo de Improvisación do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, dirixido polo profesor, Lino Rico Pérez, maestro de piano, acordeón e compositor. Dende o colectivo recordan que este 2013 resulta un ano moi prolífico en acontecementos culturais; xa que ademais dos centenarios de dous grandes músicos: Wagner e Verdi e os 150 anos da publicación da obra que inaugura o renacemento da cultura galega “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, a RAG dedica á este ano o Día das Letras Galegas ó compostelán Roberto Vidal Bolaño, que dedicou a súa vida á literatura e, sobre todo, ó teatro. Así, a cita dos Aventados coa cultural en xeral contará co patrocinio do Concello de Cervo, a Deputación de Lugo e os voluntarios da Fundación Alcoa.
As Cofradías de Nuestra Señora del Santísimo Rosario e de Nuestra Señora de Valdeflores organizan conxuntamente unha peregrinación dende a igrexa de Santa María ata o Convento de Valdeflores o sábado 18 de maio á que convidan a todas as Cofradías viveirenses. Os actos arrincarán ás seis da tarde na igrexa de Santa María que incluirá o Rezo do Santísimo Rosario rematando o primeiro misterio na Gruta de Lourdes. O segundo misterio concluirase na Porta da Vila xunto ao Cristo do Amparo, mentres que o terceiro terá lugar na capela do Cristo dos Malotes. O cuarto e quinto desenvolveranse na baixada de Verxeles e ó final do Camiño Vello, respectivamene. Finalmente, chegarase ó Convento de Valdeflores onde terá lugar a Letanía, unha pequena homilía, o canto da Salve e o Himno da Virxe de Valdeflores.
A Delegación de Cultura do Concello de Alfoz organiza dúas sesións de monólogos na Casa da Cultura do concello. Serán os vindeiros sábados, días 18 e 25 de maio, ambos ás 20 horas. O día 18 farán os seus monólogos Luís Miguel Yáñez e Eduardo Domínguez, mentres que o día 25 actuarán Matías Nicieza e Susana Álvarez.
© 2013 | Crónica3 A Mariña 2008 - 2012 | RSS | Contacto | Información legal