LUGO .- O pleno da deputación acordou solicita á administración autonómica e a Fomento un cronograma con prazos e orzamento suficiente para rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol antes de 2014. Tamén aprobou o Plan de Comunidades Veciñais de 2009, a través do que se acometerán obras por valor de 3,7 millóns de euros, e do que se benefician 295 entidades asociativas da provincia.
Nota de Prensa
A Deputación insta á Xunta a que se cumpran os prazos para a construción dos accesos ó Porto Seco de Monforte
– O organismo provincial solicita á administración autonómica e a Fomento a acordar un cronograma con prazos e orzamento suficiente para rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol antes de 2014
– O Pleno aprobou por unanimidade o Plan de Comunidades Veciñais de 2009, a través do que se acometerán obras por valor de 3,7 M€, e do que se benefician 295 entidades asociativas da provincia
– Cos remanentes producidos do Plan de Obras e Servizos de 2009, a Deputación executará obras nos Concellos de Navia de Suarna e Pobra de Brollón
O Pleno da Deputación aprobou este martes, coa abstención do PP, a proposta do equipo de goberno na que se insta á Xunta de Galicia a cumprir o convenio asinado no Concello de Monforte polas Consellerías de Política Territorial e Vivenda para a construción dos accesos ó Porto Seco nos prazos establecidos, co fin de non retrasar a entrada en funcionamento desta plataforma loxística tan importante para esta comarca e para todo o interior de Galicia. En 2001 fóra presentado neste municipio o proxecto desta infraestrutura que naceu para interrelacionar comercialmente cos Portos de Coruña e Vigo, sendo un referente para a vía de entrada e saída das mercadorías da Comunidade Autónoma.
A finais de 2005, tan só o Ministerio de Fomento cumprira co acordo establecido e que incluía a conexión coa rede ferroviaria, a construción de dúas vías de comunicación e da plataforma de formigón de entrevías para carga e descarga dos contendores. Pola contra, a Xunta de Galicia a esa data non realizou ningunha xestión das que tiña comprometido para a construción integral e a operatividade do Porto Seco. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato, subliñou que “na pasada lexislatura, a administración autonómica, aprobou o Proxecto Sectorial, comprou e adxudicou os terreos e deixou feito o Estudo informativo e a Declaración de Impacto Ambiental, quedando pendente a redacción e a construción da estrada de accesos”.
O Goberno da Xunta tiña comprometido a construción deste vial en 2010. Recentemente, a Directora Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente anunciou no Parlamento que o actual equipo de goberno autonómico non prevía o remate das obras de acceso ó Porto Secto ata 2013. Ademais, os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano só contemplan a cantidade de 460.000 euros, unha cantidade insuficiente, xa que o custe dos accesos ronda os 10 millóns de euros. Antonio Gato destacou que “é un recorte espectacular, o que leva consigo inexcusablemente unha tardanza na construción do Porto Seco. Tan só o Ministerio cumpriu de forma clara e decisiva. Esta é a política de Feijóo, baseada en facer caixa, polo que señor Barcia, agora terán que ir a Monforte a explicar que o convenio asinado non ten ningún sostén”.
Vía de alta capacidade Barreiros-Ferrol
Asimesmo, aprobouse coa abstención de Manuel Varela a proposta de acordo do equipo de goberno na que se solicita ó Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a que se se cumpran os prazos de execución da obra de autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros unha vez que sexa aprobado o seu estudo informativo, e as datas de licitación das obras do treito entre Ferrol e San Cibrao que na actualidade se atopan en fase de redacción de proxecto. En definitiva, o que propón o organismo provincial é que se acorde un cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitan rematar a vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol antes de 2014.
A Vía de Alta Capacidade do Litoral (treito San Cibrao-Ferrol) a executar pola Xunta de Galicia ten unha lonxitude de 88 quilómetros e discorre polas comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra. O prazo de execución do corredor era de seis anos (2001-2007). Malia que se trata dunha obra que xa tiña que estar rematada a día de hoxe, só dous treitos están licitados e os investimentos que se recollen nas contas públicas para 2010 son insuficientes.
Polo que se refire ó de Barreiros-San Cibrao, a realizar polo Ministerio de Fomento entre os anos 2001-2007, ten forma de autovía e unha distanza 30 quilómetros. Afecta ós Concellos de Barreiros, Foz, Burela e Cervo. Nestes momentos, o Estado só ten executado o estudo informativo do trazado, que foi sometido ó trámite de exposición pública.
Violencia de Xénero
Acordouse con por unanimidade instar tamén á administración autonómica a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento para erradicar a violencia de xénero. Isto débese a que as propostas da Secretaría Xeral de Igualdade amosadas no Parlamento non responden á posta en funcionamento deste instrumento lexislativo, que contempla a creación do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra esta lacra social, a formación da totalidade dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no eido sanitario público.
Plan de Comunidades Veciñais 2009
O Pleno ratificou por unanimidade o Plan de Comunidades Veciñais de 2009. A través desta iniciativa, o organismo provincial acometerá obras nos Concellos da provincia por valor de 3,7 millóns de euros. Desta cantidade, a Deputación inviste 2,2 millóns, o que representa o 60% do orzamento total.
En total beneficiaranse 295 entidades asociativas de Lugo. As axudas que concede a institución provincial para calquera das actuacións non supera os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra, de tal xeito, que o 25% restante debe ser sufragado polos colectivos veciñais.
Remanentes POS 2009
O Pleno da Corporación provincial aprobou, coa abstención do PP, os remanentes producidos na contratación das obras do Plan de Obras e Servizos de 2009 que conta cun investimento 6.326.168,96 euros, dos que a Deputación aporta 2.056.004 euros, o MAP 3.163.084 euros e os Concellos 1.107.079,74 euros.
Neste senso, acórdase dar de baixa a obra que inclúe o saneamento do núcleo de Santalla de Rei, en Pobra de Brollón, na que estaba previsto investir 54.873 euros. Deste xeito, cos remanentes obtidos na contratación das obras e coa anulación da anterior, dotarase de financiamento as seguintes no Plan Complementario: acondicionamento de Muñis a Rao, no Concello de Navia de Suarna, dende o punto quilométrico 5,000 ó 7,700 por valor de 285.384 euros; e continuación do saneamento do no núcleo de Santalla de Rei ó que se destinan 34.825 euros.





















Polo espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falou coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda; co coordinador do evento, José Ríos; con Patricia Díaz, que é alumna de 2º de Servizos de Ciclo Medio e concursante no XIII Campionato de Catas de Café; e con Alejandro Rodríguez e Luis López, responsables do tostadeiro Coffee Urban. O XVIII Campionato Internacional de Baristas e o XIII Campionato Internacional de Catas de Café seguen no IES de Foz ata o venres.
Na súa confección colaborou Óptima Cultura. A presentación será este venres, 27 de febreiro, ás 11.30 na propia Catedral.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.



