SANTIAGO .- A asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, Adega, valora como un “freo e marcha atrás, mais só un avanzo do que pode acontecer no 2010 de continuar esta involución ambiental” o balanzo ambiental do ano 2009 en Galicia. Asegura a organización ecoloxista que “a eliminación da Consellaría de Medio Ambiente misturando as competencias entre ladrillos e asfalto deu a pista de por onde ivan ir as cousas”.
REFERENCIA
BALANZO AMBIENTAL DE 2009 E PERSPECTIVAS PARA 2010
Xaneiro de 2010. Chega o momento de facermos balanzo ambiental do pasado 2009. O cambio de governo supuxo o retorno de vellas ameazas e frustrou algúns tímidos avanzos conquistados durante a anterior etapa. A eliminación da Consellaría de Medio Ambiente misturando as competencias entre ladrillos e asfalto deu a pista de por onde iban ir as cousas: volta ao filibusterismo eólico e acuícola para darlle gosto aos Galán e Fernández de Sousa; persístese no erro da incineración, tirando pola borda un Plano de Residuos xa rematado e na boa dirección; rexurden as minicentrais mentres o novo Plano Hidroeléctrico fica en suspenso; recúrtanse espazos naturais e a cativa Rede Natura volta a ser delicatessen para uns poucos… En definitiva: freo e marcha atrás, mais só un avanzo do que pode acontecer no 2010 de continuar esta involución ambiental.
Dende o estado tampouco quedan atrás: novas centrais no Sil e Miño, máis carbón e coches e máis recheos nas nosas rías… E por riba, o vergoñento fiasco de Copenhagen. As perspectivas para o 2010 son aínda piores, mais a cidadanía está cada vez máis sensibilizada e comprometida e os ventos xudiciais están mudando: xurden plataformas ambientais en defensa da costa, dos ríos, do patrimonio cultural, contra instalacións agresivas, touradas… e cada vez hai máis sentenzas a prol do ambiente: Rinlo, Touriñán, Ferrazo, Marín… e as que virán. Os tribunais están dando a razón ás reclamacións ambientalistas e pondo na picota a contaminadores, especuladores e políticos sen escrúpulos. No entanto, algúns seguen sen se enterar, faltándolle ao respecto á natureza e persistindo en políticas caducas e insustentábeis co respaldo dos cartos ou dos votos.
Somos conscientes de que a administración non é un colectivo ecoloxista, mais non debe confundirse isto co dereito de pernada sobre o medio ambiente e a falta de respecto polas leis. Cando os propios responsábeis públicos son os que incumpren a normativa ambiental, urbanística ou cultural, buscando fendas legais para beneficiar a determinados sectores (ou beneficiarse), están subvertindo a convivencia democrática.
Neste 2010 teremos oportunidade de comprobar as consecuencias desta involución ambiental:
A lei eólica, ao gosto das transnacionais enerxéticas amigas, encherá de novos muíños os montes sen reparar nos perxuízos ambientais e económicos para o país. Para iso, no Plano Eólico aprobado durante a era Fraga e aínda vixente recollíase: “Procede declarar la compatibilidad de las instalaciones eólicas con el paisaje gallego”. Dixémolo tamén durante o bipartito: poñer máis megawatios no mercado sen definir o modelo enerxético que queremos é insustentábel. Para ADEGA ese novo modelo pasa pola suficiencia, a eficiencia e as enerxías renovábeis como verdadeira alternativa ás fábricas de cambio climático que son Endesa, Alcoa, Fenosa, Cosmos, Repsol…
Este 2010 verá tamén a luz o Plano de Residuos do PP, logo da “reformulación” do que deixara rematado o bipartito e que apontaba boas maneiras. Dun agardado avanzo histórico pasaremos a un repetido erro histórico. Todo indica que a Xunta do PP persistirá na incineración hipertrofiando o monstro ruinoso de SOGAMA para maior gloria de Fenosa. A aposta pola redución, a compostaxe e a comarcalización será testemuñal, criando unha ou varias SOGAMAS máis… mesmo en Portugal! Un novo éxito ambiental do governo Feijóo: trasladarlle parte do problema do lixo aos portugueses.
O ordenamento territorial e o urbanismo, especialmente no litoral, ten este ano unha data chave. Acábase o prazo de graza da Lei de Medidas Urxentes que Feijóo viuse obrigado a prorrogar e veremos en que consiste o novo Plano do Litoral: asistiremos a unha nova vaga urbanizadora na costa? Visto o acontecido coa modificación (a enésima) da Lei do Solo, non podemos ser optimistas. Dende ADEGA non asistiremos impasíbeis vendo como a nosa costa deséñase “á carta” dos intereses urbanísticos e especulativos.
E polo que atinxe ao Plano Acuícola, veremos se Feijóo da saído da lea na que se ten metido despois facer a empresas e plataformas promesas antagónicas. Logo de terse aliñado interesadamente cos postulados ecoloxistas durante a etapa anterior, a Xunta do PP acabou dando por bó o Plano Acuícola da Sra. Gallego, mudando iso sí o rexime de propiedade das terras para poñerllo máis fácil ás empresas. Veremos se a conselleira do Mar Sra. Quintana segue prestando o seu apoio a Pescanova cando intente violar a lei e construir a planta de Touriñán.
Na loita contra o cambio climático, semella que haberá continuidade coa etapa anterior. En sintonía cos resultados da cimeira de Copenhagen, ninguén fará nada. As grandes infraestruturas de transporte seguirán sendo un dogma intocábel para as administracións. A ampliación do modelo de transporte por estrada (Plano MOVE, nova versión do Plano de Estradas) e a implantación do AVE “aparcan” de novo o conceito de mobilidade sustentábel, en especial a que representa o tren de proximidade. E mesmo o cativo Plano de Acción contra o Cambio Climático que presentara o bipartito ficou paralisado. Semella que o Sr. Hernández prepara algunha solución miragreira contra a mudanza climática neste ano xacobeo, que podería consistir en… máis eucaliptos para chuchar as emisións que Endesa, Fenosa, Alcoa, Ferroatléntica e Repsol non están dispostas a reducir!
Como avanzabamos en 2009, a crise económica comeza por pagala o ambiente e a cidadanía, mentres os seus causantes seguen a recibir subvencións e axudas. E as receitas máxicas das administracións son en esencia as mesmas: máis carbón e coches, propón Zapatero; máis asfalto e incineración prepara Feijóo. Non será que para mudar o clima, antes haberá mudar de modelo económico?
Estamos nun momento crítico e por iso, o papel dos movementos sociais e nomeadamente do ecoloxismo, recupera protagonismo para canalisar a crecente sensibilidade ambiental da cidadanía.
De aí posíbelmente, o interese das institucións por controlar ou silenciar ás voces críticas: veuse en Copenhagen coa brutal represión contra as organizacións sociais e ecoloxistas que estabamos alí para pedirlle contas aos políticos. Mais tamén o vimos en Galiza: de promover un ecoloxismo acrítico e servil a golpe de subvención amañada, pasouse a pechar a billa dos cartos públicos (igual que fixera Fraga) para calquera colaboración coas ONGs que tantas veces lle sacamos as castañas do lume á administración. Sempre hai cartos, iso sí, para enquisas trucadas, congresos bilingües, pluses de altos cargos e cidades da cultura.
Dende ADEGA manifestamos novamente o noso compromiso coa cidadanía na intención, pese a quen lle pese, de seguir defendendo o medio ambiente e o patrimonio natural do país tal como vimos facendo dende hai 34 anos.





















No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.



