SANTIAGO .- A asociación ecoloxista ADEGA considera que a modificación da Lei do Solo significa máis especulación e repercusión na desfeita ambiental de Galicia, sobre todo na costa.
NOTA DE PRENSA
MODIFICACIÓN DA LEI DO SOLO: MÁIS ESPECULACIÓN, IMPUNIDADE E DESFEITA AMBIENTAL
A Xunta persiste nos erros e infla de novo a burbulla inmobiliaria a base de chan rústico, máis desprotección e discrecionalidade
1. Incrementar as oportunidades para a especulación urbanística e dar maior cobertura á discrecionalidade non é o que a nosa terra precisa.
Cun territorio no que se teñen perpetrado demasiadas aberracións e ilegalidades urbanísticas, cunhas prácticas administrativas demasiado favorecedoras da especulación co ladrillo que, en boa medida, é responsábel da actual crise económica; cunha Lei do Solo deseñada para que os intereses da minaría, das eléctricas ou do lobby acuícola prevalezan sobre os aproveitamentos tradicionais e os usos ambientais, até o punto de subverter a protección da Rede Natura; cunha Lei do Solo que, sete anos despois, rexistra unha escandaloso e xeralizado incumprimento, e cunhas administracións máis preocupadas por favorecer a especulación e o negocio privado antes que o interese social, ADEGA non agarda nada bo desta modificación:
-Porque transforma aos núcleos rurais en novos espazos para a especulación urbanística.
-Porque retira toda a protección aos montes veciñais en man común e que reduce as cautelas do solo rústico de especial protección, sempre a favor dos usos construtivos.
-Porque cos novos criterios de caducidade e prescrición de licenzas e autorizacións, dase maior cobertura á ilegalidade urbanística.
-Porque abertamente, prepara o camiño para a legalización de escandalosas aberracións coma as do concello de Barreiros, Porto do Son, Sanxenxo… etc.
-E porque nen sequera proponse acatar as disposicións da lexislación estatal e europea sobre a protección da biodiversidade e dos hábitats e especies da Rede Natura.
Para ADEGA tratase dunha modificación pensada unicamente para favorecer especulación, no camiño do xa iniciado coa modificación da Lei 15/2004 (tamén promovida polo Sr. Feijóo, inmediatamente despois do linchamento do Sr. Cuíña) e que para nós só pretende poñer o interese público e a administración ao servizo da especulación e dos negocios amigos. Apostar por continuar coa especulación do ladrillo, agora mediante a desprotección do solo rústico, é insistir nos mesmos erros que nos levaron á actual crise e desaproveitar, amais, a ocasión de incentivar modelos alternativos que favorezan a economía produtiva e a sustentabilidade.
2. Non é o xeito nen o momento: non hai razóns que xustifiquen a urxencia e a prepotencia da súa imposición.
Non podemos seguir concibindo o territorio como un simple cenario que as sociedades humanas temos alterado e podemos seguir alterando sen límite algún. O territorio é hoxe, antes que nada, un elemento indispensábel para a subsistencia da vida e un recurso cada vez máis escaso para calquera actividade económica. Neste senso, sobre o territorio e competindo por el coinciden hoxe multitude de usos económicos, culturais, ambientais, etc. que debemos e regular racionalmente e con urxencia se queremos asegurar a sustentabilidade ambiental e a calidade de vida da sociedade actual e vindeira.
Antes, pois, de impoñer por vía parlamentaria e cunha exigua maioría de votos a modificación dunha Lei á que aínda non lle deron a oportunidade de desenvolverse, o que resulta verdadeiramente urxente é a elaboración dunhas Directrices de Ordeamento do Territorio (DOT) que sirvan de base para o desenvolvemento dos Planos Sectoriais e de Ordeamento e, por suposto, para calquera modificación da Lei do Solo. Non resulta doado entender que, con esta urxencia, poidase aprobar unha modificación destas características cando, ao mesmo tempo, anúnciase através dos acordos Xunta-FEGAMP, a elaboración dunha nova Lei do Solo para esta lexislatura!
3. Non é un bo precedente para o Plano de Ordeamento do Litoral (POL) e para os demáis Planos Sectoriais
Cando estase a tramitar un Plano de Ordeamento para regulamentar os usos do solo no litoral; cando están por desenvolver toda unha diversidade de Planos Sectoriais como o Acuícola, o da Minaría, o Eólico, o Hidrolóxico, o Hidroeléctrico, de Portos Deportivos, Polígonos Industriais, etc, constitúe un moi mal precedente que, cunha inxustificable urxencia, se vaia aprobar esta modificación da Lei do Solo sen antes contar cunhas Directrices de Ordeamento do Territorio. Estas DOT deberían artellar de forma equilibrada o territorio e, consecuentemente, organizar o solo e os seus distintos usos en función do interese social e da súa idoneidade e non en función do negocio especulativo duns poucos. Modificar a Lei do Solo co único obxectivo de favorecer a especulación e dar cobertura á urbanística, non é tampouco bo precedente para un país no que continúa o abandono das terras agrarias para entregalas ao eucalipto, e no que faltan compensacións para os propietarios de solo en espazos de especial protección, mentres non se poñen reparos a que esas terras sexan destruídas polo negocio da acuicultura, da xeración enerxética ou da minaría.
As reivindicacións de ADEGA
Partindo da concepción do territorio como un recurso natural cada vez máis escaso, imprescindíbel para a sustentabilidade e diversidade da vida e fundamental para asegurar a continuidade do conxunto da sociedade; partindo de que este patrimonio natural, ambiental, paisaxístico e cultural do noso país pode constituír tamén un importante recurso económico para a cidadanía, e tendo en conta que desenvolver os diferentes Planos Sectoriais en marcha (acuícola, eólico, hidroeléctrico, mineiro, etc.) xerará graves e irreversíbeis impactos ambientais e sociais, ADEGA reivindica que previo a calquera modificación da Lei do Solo e a desenvolver calquera Plano Sectorial ou de Ordeamento, procédase á elaboración dunhas Directrices de Ordeamento do Territorio que, fronte á presión dos especuladores:
-Visen o artellamento equilibrado e sustentábel do territorio e aseguren a cohesión e a xustiza social.
-Aseguren a conservación e a posta en valor do patrimonio natural, paisaxístico e cultural do noso territorio en íntima compatibilidade cunha maior calidade de vida e benestar da poboación rural e da cidadanía galega en xeral.
Dende esta perspectiva, ADEGA súmase á proposta dun pacto ou compromiso social polo territorio que, dende a transparencia e a participación social, sente as bases para elaborarmos unhas Directrices de Ordeamento do Territorio sobre as que asentar un desenvolvemento coherente, sustentábel e cohesionador. Neste obxectivo, ADEGA está disposta a comprometer todo o seu empeño, e o mesmo deberían facer os poderes políticos e económicos. Mais non imos ficar calados nen moito menos ser cómplices desta verdadeira involución territorial que se pretende perpetrar con esta modificación da Lei do Solo, un dos maiores atentados cometidos nunca contra a esencia mesma de Galiza.


























Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.



