Nota de Prensa
REGO INTERPELA NO PARLAMENTO SOBRE A SITUACIÓN URBANÍSTICA DO CONCELLO DE BARREIROS (LUGO)
-O deputado socialista di que o Goberno da Xunta de Galicia parece que pretende facernos a todos os galegos corresponsables das presuntas irregularidades urbanísticas cometidas no concello de Barreiros, permitindo que se privaticen beneficios e, á vez, se asuma con fondos públicos a reposición dunha situación creada polo incumprimento do marco xurídico vixente
– Rego quere saber, entre outras cousas, si o Goberno galego ten previsto aplicar este mesmo modelo a todos os concellos de Galicia que se atopen en condicións análogas ou similares
Santiago , 10 de marzo de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego rexistrou na Cámara Autonómica unha iniciativa na que interpelará á Xunta sobre situación urbanística do Concello de Barreiros.
Rego sinala que ao concello de Barreiros suspendéuselle a normativa urbanística municipal por incumprimento reiterado do marco xurídico regulador do urbanismo de Galicia en distintos eidos e con actuacións por parte dos responsables municipais do concello, tales como, por poñer algúns exemplos menores: o flagrante incumprimento de adaptación da súa normativa á lexislación urbanística, ou o outorgamento de licenzas de obras en solares non urbanizados ou non urbanizables e carentes de servizos de todo tipo e previsión deles.
O deputado advirte que a irresponsabilidade dos que adoptaron a decisión do outorgamento das ditas licenzas á marxe das previsións do ordenamento xurídico vixente, chegou non só a supoñer un grave problema, e un certo fraude para aqueles cidadáns que de boa fe puideron chegar a adquirir unha vivenda que non ten garantidos servizos tan básicos como enerxía eléctrica, auga, saneamento e tratamento de vertidos, etc; senón que, ademais, o volume das vivendas construídas ou con licenza para facelo, pon en grave risco a provisión dos ditos servizos para o conxunto da poboación do concello, dada a sensible desproporción existente entre o seu dimensionamento e a poboación que terían que atender.
Explica que o actual Goberno da Xunta de Galicia anunciou nos medios de comunicación un acordo cos promotores dos edificios construídos, ou con licenza para facelo, e os responsables municipais que impulsaron ou permitiron esta situación, a través dun convenio, suponse que co obxectivo de restituír a legalidade alí onde a lei non se cumpre, e, por outra banda, para establecer garantías en relación cos servizos públicos e privados que se teñen que garantir ao conxunto dos cidadáns de Barreiros.
Rego di que o Goberno da Xunta de Galicia parece que pretende facernos a todos os galegos corresponsables das presuntas irregularidades urbanísticas cometidas no concello de Barreiros, permitindo que se privaticen beneficios e, á vez, se asuma con fondos públicos a reposición dunha situación creada polo incumprimento do marco xurídico vixente.
Preguntas en Comisión
Polo exposto o deputado que asina solicita resposta oral ás seguintes preguntas:
1.ª) Cales son as previsións sobre os obxectivos a acadar co acordo anunciado sobre a aprobación dun convenio para afrontar a situación urbanística de Barreiros?
2.ª) Considera o Goberno galego que a reposición da legalidade urbanística na actual situación na que se atopa o concello de Barreiros se pode resolver cun convenio ou acordo entre os que xeraron esta situación e os que a impulsaron ou cando menos consentiron?.
3.ª) O modelo urbanístico do novo Goberno galego contempla a resolución de incumprimentos flagrantes da lexislación urbanística con convenios ad hoc?.
4.ª) Cales son as solucións que achegan os acordos acadados para dar resposta aos casos de incumprimentos flagrantes da normativa urbanística xa construídos ou con licenza outorgada polo responsable municipal que o pretende asinar?.
5.ª) Considera o Goberno galego un bo precedente para o futuro desenvolvemento urbanístico de Galicia a política de “vai facendo”, aínda que incumpras o marco xurídico vixente, que xa haberá un convenio para legalizar?.
6.ª) Ten previsto o Goberno galego aplicar este mesmo modelo a todos os concellos de Galicia que se atopen en condicións análogas ou similares?




















Xunto coa alcaldesa e a concelleira de Infancia, confirmouse tamén a renovación, por terceiro ano, da colaboración co Grupo Entrepinares, que patrocinará estas xornadas e apoiará actividades do Samaín e do Nadal. As dúas xornadas incluirán actividades gratuítas en horario de mañá e tarde, con inchables, xogos, propostas acuáticas e catro funcións do espectáculo do Mago Antón. Entrepinares ofrecerá ademais merendas gratuítas para todos os nenos e nenas. O Concello destaca que esta alianza permite reforzar unha programación infantil de referencia e ampliar as propostas de lecer para as familias ao longo do ano.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



