”
Nota de Prensa
O Grupo Popular celebra que esta sexa “a lexislatura da aposta real pola ordenación do territorio”, á que contribuirán tamén as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, despois da “inacción e irresponsabilidade do Bipartito”
ROMÁN RODRÍGUEZ SALIENTA QUE A NOVA LEI DO SOLO QUE ENTRA HOXE EN VIGOR PERMITIRÁ AXILIZAR OS PLANEAMENTOS URBANÍSTICOS NOS MUNICIPIOS E RACHAR “CUNHA SITUACIÓN INSOSTIBLE”
* O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular resaltou que o Plan de Ordenación do Litoral “ten total garantía xurídica”, mentres que a Lei dos 500 metros “tivo efectos perversos”, xa que “non foi capaz de frear a construción na costa”.
Santiago, 21 de abril de 2010.- O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Parlamentario Popular, Román Rodríguez, salientou hoxe en rolda de prensa que a nova Lei do Solo que entra hoxe en vigor permitirá axilizar os planeamentos urbanísticos nos municipios e rachar “cunha situación insostible”. Nese sentido, o deputado lembrou que actualmente 275 concellos carecen de planeamento adaptado e só 40 están adaptados á Lei 9/2002. A modificación da Lei do Solo supón a axilización da tramitación administrativa para os planeamentos municipais, mediante a redución de prazos para informar por parte da Xunta, de 3 a 2 meses, e mediante a vinculación nunha única tramitación da Avaliación Ambiental Estratéxica e a tramitación urbanística.
Ademais, posibilita un novo réxime de solo de núcleo rural para adaptalo á realidade xeográfica de Galicia, favorecendo o asentamento de actividade económica e de vivenda para compactar núcleos e reducir a despoboación; e dota de maior competencia aos concellos para informar e tramitación expedientes en solo rústico, sen rebaixar os criterios esixidos na lexislación, e adaptar os plans xerais ás características específicas de cada termo municipal. O deputado do PPdeG remarcou, así mesmo, o alto grao de consenso acadado para a reforma da lei a través do acordo coa FEGAMP e da introdución de recomendacións do Consello Económico e Social, do Ministerio de Vivenda e das emendas dos grupos políticos.
Segundo salientou Rodríguez na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o Grupo Popular celebra que esta sexa “a lexislatura da aposta real pola ordenación do territorio”, á que contribuirán tamén as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL), despois da “inacción e irresponsabilidade do Bipartito”. “Estamos practicamente na mesma situación que hai 5 anos debido ao pasotismo do bipartito nesta materia, que non foi quen de presentar avances significativos na elaboración destes dous instrumentos de ordenación”, apuntou.
FOZ E BARREIROS
O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular resaltou que o Plan de Ordenación do Litoral “ten total garantía xurídica”, mentres que a Lei dos 500 metros “tivo efectos perversos”, xa que “non foi capaz de frear a construción na costa”. A ese respecto, referiuse aos datos do Colexio de Arquitectos de Galicia, segundo os cales “os anos de máxima concesión de licencias nos concellos litorais foron os do período bipartito, mesmo pese á prohibición”. Así mesmo, puxo o exemplo de Foz, cuxo concello concedeu licencias para 1.300 vivendas “nun só día” e pediu que as críticas que se fan ao caso de Barreiros, “se apliquen tamén a Foz”.
“Tardaron case dous anos en sacar a Lei dos 500 metros e despois non iniciaron os traballos técnicos ata finais de 2008”, sinalou Rodríguez, quen engadiu que “en 2004 estabamos en primeira liña de planificación xunto a Cataluña e Cantabria e pola súa inacción agora imos na cola”. Agora, en cambio, indicou, “estase facendo un enorme esforzo de planificación”, con consultas aos concellos e corrixindo erros técnicos. “O que realmente importa é a filosofía de ordenar e planificar de xeito sostible e non prohibir sen ningunha alternativa como facía o Bipartito”.
Respecto das DOT, o parlamentario popular destacou que actualmente estase a elaborar o informe de avaliación ambiental previo á aprobación inicial e cualificou de “chapuza administrativa” a actuación do Bipartito respecto a este instrumento, xa que “aprobaron ilegalmente as directrices, ao non sometelas a avaliación ambiental, o que obrigou a reiniciar os trámites”.
Román Rodríguez acusou aos socialistas de criticar agora “o que foron incapaces de facer cando tiveron oportunidade” e destacou as contradicións do seu discurso “pois agora piden que se prorrogue un ano máis a moratoria dos 500 metros, cando en abril de 2009 a exconselleira Caride, estando en funcións, dicía que se podía levantar xa o veto nun 20% da costa”.
Igualmente, lamentou a dobre linguaxe do BNG, que afirma que o POL “é pouco proteccionista, pero despois nos seus concellos protestan por xuto o contrario”. Para o deputado do Grupo Popular, o modelo territorial do BNG é “que protexan outros”.



















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



