Hai uns días tiraron o hórreo de Pouparín en San Miguel de Reinante. Por fin o cemento e o ladrillo enguliron o que quedaba do pasado. Pero non pasa nada, ao lado de onde estaba o hórreo temos unha fantástica pista de padel.
Non sei se é legal ou non tirar o hórreo, non sei se o van reconstruír ou non noutro sitio que non estorbe, pero tanto me ten, o mal xa está feito. Un hórreo é a construción máis singular do mundo rural galego, se cadra, a mostra máis sobranceira da arquitectura popular, pero sobre todo é un símbolo e cos símbolos non se xoga. Antón Vilar Ponte narraba así o emprego que Castelao fixo do hórreo como símbolo de prosperidade:
O hórreo é o emblema da editorial Nós. Un gravado de perfil en negro que representa un hórreo con dous cativos. Unha rapaza que lé e un neno que, deitado á sombra, escoita. O gravado, deseñado por Castelao, corresponde a un cadro perdido deste, que se atopaba na editorial de Casal. O cadro tiña un pé: “fartura pr’o corpo e fartura pr’o espírito” que simbolizaban, o hórreo repleto (víase por entre as ripas o millo) e os nenos a ler.
E engadía logo: “Cando Castelao llo entregou a Casal comentoulle “fartura de corpo e de espíritu, ese ten que ser o noso país” Concordo plenamente con Castelao, ese debe ser o país que construamos, o país no que o material e o espiritual garden o equilibrio preciso. Sen embargo, o que está a pasar é xusto o contrario, estase a reproducir o que Eduardo Mendoza escribía en “La ciudad de los prodigios”: “… el deterioro de lo antiguo se convirtió en el único indicio cualitativo de progreso”. Semella que todo o que non sexa “modernidade” estorba, entendendo por modernidade cemento, formigón, ladrillo… Pero todos calamos e todo sigue para diante.
Tiraron o hórreo pero non pasa nada… Boto de menos as protestas de asociacións culturais locais como O Arco da Vella ou Ollomao (o patrimonio material tamén é cultura, do mesmo xeito que o podan ser a música ou o baile tradicional ou a defensa da memoria histórica, por poñer algúns casos. Resulta difícil entender a defensa duns e non dos outros) e da Asociación de Veciños (o patrimonio é propiedade do pobo e todos temos o deber de conservalo e defendelo cando alguén o agrede). Non boto de menos,
porque non son tan iluso, algún pronunciamento do Concello.
Diranme: “Non é máis ca un hórreo e hórreos quedan moitos”. Xa o sei, pero como dicía ao principio, máis ca o feito importa a simboloxía, importa o ver como pouco a pouco nos van quitando todo o que tíñamos de orixinal, como primeiro devoraron muros, pozos, casas (non lles importou nada a carga cultural e simbólica que leva a casa canda si, que fai que cada unha teña un nome e unha personalidade propia), … e agora empezan cos hórreos.
Diranme: “as cousas son así e non lles hai que facer, as cousas cambian co tempo e hai que andar cos tempos …” , e é certo, ninguén pretende que volvamos construír pallozas, nin sequera hórreos; o único que debemos pretender é que as cousas se fagan con criterio, con xeitiño, e eu “supoño” que non é preciso destruír o pasado para construír o futuro; “supoño” que en San Miguel non fan falla tantas vivendas; “supoño” que algo se debeu facer mal para chegar á situación na que estamos; e
“sei” que as cousas se poden facer doutro xeito.
Porque, como dicía Uxío Novoneyra, “sabemos que o home pode ser outra cousa”, e porque sabemos que todo pode e debe ser outra cousa, porque temos a obriga de intentar que todo sexa outra cousa, ten sentido o que facemos no día a día e temos que intentar que en Barreiros, en Foz, e en xeral en toda Galiza, cada día haxa máis talento e menos cemento.
Ramón Casas.


















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



