*
Ante as declaracións feitas estes días na prensa polo alcalde do veciño concello de Foz, nas que se cuestiona unha acción que o Goberno Galego pretende levar a cabo no concello que represento, síntome na obriga de ter que saír ao paso e matizar unha serie de cuestións.
En primeiro lugar, eu, como alcalde de Cervo síntome orgulloso de que Portos de Galicia, baixo a súa potestade e en virtude das súas competencias, decidira desenvolver o proxecto de construción dunha goleta no meu concello. Das múltiples razóns que xustifican esta inversión, podería destacar tres fundamentais:
Primeira.- A creación de emprego e a dinamización dun sector en crise como é a “carpintería de ribeira”, así como tamén a proxección turística do noso pobo, que traerá consigo a visita de numerosos cidadáns que ben seguro se achegarán a ver o desenvolvemento desta construción.
Segunda.- A recuperación da memoria colectiva a través da promoción dos valores etnográficos, culturais, sociais e económicos, tan representativos da identidade da nosa terra.
Terceira.- O orgullo que vai a supoñer para Cervo o feito de que esta embarcación tradicional represente a Galicia alí por onde navegue.
Por tales motivos non entendo porque desde o concello de Foz se amosan contrarios á construción da referida goleta. É máis, cústame entender que se fale de austeridade, e da prioridade das inversións e obras a desenvolver, á hora de criticar a realización desta actividade. Resultan canto menos paradoxais as críticas de alguén que é capaz de ‘ver a palla no ollo alleo e non ver a viga no propio’. Na miña consideración, as súas verbas non deixan de ser un arranque de populismo banal cuxa finalidade quizais sexa correr un tupido velo, unha cortina de fume que agoche as súas erráticas decisións.
Neste último sentido, pero sinalando agora a aqueles representantes do seu partido no meu Concello, que constitúen parte da oposición ao Goberno municipal de Cervo, chaman tamén a atención as súas manifestacións críticas respecto a este concreto asunto. Mais, dificilmente me podo ver sorprendido ante este reiterado comportamento do grupo dos socialistas de Cervo, pois non me resulta novo que todas e cada una das súas actuacións tendan a sacrificar os intereses xerais dos cidadáns de Cervo a favor dos seus prioritarios intereses electorais, ou o que é peor, a favor de certos intereses particulares que, alén de xerar certa conflitividade social, tamén afectan ao ben común, ao que os representantes públicos debemos servir.
Pero, en todo caso, os motivos para a construción da citada goleta son, cando menos, tan criticables como as actuacións realizadas, ou que se van a levar adiante pola Demarcación de Costas no termo municipal de Foz. Estas últimas pódense comprobar simplemente consultando a páxina de información do Ministerio de Medio Marino; p.ex.
-centro de interpretación da mariña lucense- 4 millóns de euros.
-modificación integral de praias e o seu entorno- 1,67 millóns de euros
-recuperación ponte de ferro no río ouro- 1,54 millóns de euros
-carril bici e adecuación de Praia-2,34 millóns de euros
-sendeiro peonil entre praias- 3,15 millóns de euros
Sendo consciente de todos estes feitos, Don José Rivera, eu pregunto, ¿Cómo pode criticar a inversión de 1,8 millóns de euros que se vai realizar no meu Concello? E, por outra parte, ¿Cómo pode dicir e soster que estes cartos se podían investir en garderías ou residencias para os nosos maiores? Porque, seguindo a súa lóxica populista, do mesmo xeito que o Concello que vostede representa destina todos os recursos financeiros descritos en paseos marítimos, carrís bici, recuperación de pontes de ferro e edificios expositivos, entre outras concretas actuacións (que supoñen máis de 12 millóns de euros), podería reconducir ditos fondos á construción da tan solicitada residencia para maiores de Foz.
Agora ben, vostede sabe, coma todo o mundo coñece, como funcionan as Administracións Públicas.Vostede sabe, ou debe saber, que o contido das súas declaración son pura e simple demagoxia. Sabe, ou debe saber, que cada organismo ten os seus propios obxectivos e as súas propias finalidades, e que están dotados dun orzamento que trata de responder ás necesidades dos cidadáns no marco das súas competencias.
Agardo que con estas aclaracións se pechen discusións que son nocivas para a normal convivencia dunha sociedade. Como mariñáns que somos todos, debemos alegrarnos dos investimentos que cheguen a cada punto da Mariña e deixar de discutir entre nós, loitando todos para achegar á nosa terra o maior número de obras e servizos, xa que este é o único xeito de deixar de ser os grandes esquecidos de Galicia.
Unha forte aperta para Pepe Rivera, que por moitos anos sigamos brindando polo Nadal no Almacén de Cervo, ao lado dos amigos que compartimos.
* Alfonso Villares é alcalde do Concello de Cervo
















A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveitou esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebrou o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.



