Nota de prensa:
A Deputación inicia as obras para a creación dun campo de fútbol de herba artificial en Foz, que estará listo en xuño
– Gómez Besteiro supervisou xunto co alcalde o comezo desta actuación, unha das 8 que ten previsto acometer o organismo provincial no Concello dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública
– Co paquete de proxectos, encamiñado á dotación e mellora de servizos e cun orzamento de 1,5 millóns de euros, a Deputación mantén 87 postos de traballo, que se suman ós 33 contratados na localidade mariñana co Plan Lugo Emprega
– Este venres comezou tamén en Ribadeo o asfaltado da estrada provincial que une as praias das Catedrais e As Illas, financiado con 80.000 euros e que mantén 18 empregos
As obras que financia a Deputación de Lugo para dotar de herba artificial ó campo de fútbol de Malates, en Foz, comezaron este venres e estarán terminadas no mes de xuño. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, viaxou ó Concello mariñano para supervisar, acompañado do alcalde, José María García Rivera, o inicio da actuación, unha das 8 que o organismo provincial ten previsto acometer na localidade no marco do Plan Extraordinario de Obra Pública. O paquete de proxectos está encamiñado a dotar e mellorar servizos e equipamentos e conta cun presuposto de 1,5 millóns de euros. O do campo de fútbol e o de acondicionamento da estrada Reiriz-A Espiñeira están xa en marcha e os outros 6 iniciaranse en abril.
Na execución destas obras traballarán un total de 87 operarios, que se suman ós 33 contratados por medio do plan Lugo Emprega, co cal suman 120 empregos os que xera o organismo provincial neste municipio.
Coa creación dun campo de herba artificial, a Deputación, a petición do Concello, atende unha forte demanda do sector do deporte e dos veciños en xeral de dispoñer dunhas instalacións axeitadas para a práctica futbolística, pois o recinto actual presenta deficiencias. Neste caso, a inversión é de 450.000 euros.
Besteiro tamén quixo saber como avanzan as obras de acondicionamento da estrada de Reiriz a Espiñeira, uns traballos que viñan reclamando os veciños da zona dende hai anos e que tivo que executar o actual equipo de Goberno provincial, pois o anterior adxudicouna, pero nunca foi executada porque non se expropiaron previamente os terreos necesarios. Ademais de desbloquealo proxecto, o Executivo ampliouno, pois dos 400 metros que estaba previsto mellorar, pasouse a acondicionar a totalidade da estrada, é dicir, 2,2 quilómetros. Estase renovando o firme, pero tamén se dotará á vía de beirarrúas, alumeado público e servizos de telecomunicación, saneamento e abastecemento de auga. O presuposto é de 550.00 euros.
Os seis proxectos restantes que ten previsto a Deputación en Foz e estarán en marcha en abril son os seguintes: reforma da escola de Forxán, en San Martiño de Mondoñedo (con 26.867 euros de presuposto); construción de tres illas para o soterramento de contedores de lixo (120.364 euros); acondicionamento de salas de exposición e cafetería no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) e instalación de spa na piscina municipal (120.092 euros); equipamento e infraestruturas de servizos básicos, e mellora na rede viaria municipal con dotación de aglomerado (146.379 euros); parque infantil na Rúa Congostra do Cura e adecuación do da Praza Conde de Fontao (13.295 euros); e subministro de bombas para a impulsión de residuais nas parroquias de Fazouro e Cangas, e execución das arquetas de bombeo na Pontevella, en Fazouro (89.052 euros). A maiores destas obras, o organismo provincial tamén costeará con 33.948 euros a redacción do proxecto para a construción dunha residencia de maiores con 100 prazas e un centro de día incorporado.
Entrega de equipos informáticos
O presidente da Deputación aproveitou a súa viaxe a Foz para facerlle entrega ó rexedor do equipamento tecnolóxico que lle proporciona o programa Innova-TE ó Concello para a implantación eficaz da Administración Electrónica. Deste xeito, o consistorio pasa a contar con dous ordenadores portátiles, un servidor e unha pantalla multimedia de información.
Tamén mantivo unha reunión con representantes do Club de Tenis local co fin de abordar a posibilidade de levar a cabo melloras nas súas instalacións, sitas no pavillón municipal de Marzán.
Mellora da estrada As Catedrais-As Illas
Tralo seu paso por Foz, Gómez Besteiro desprazouse a Ribadeo, onde este venres tamén comezaron as obras de asfaltado con aglomerado en quente da estrada provincial que une a praia das Catedrais e a das Illas, dúas das máis concorridas do municipio e da Mariña en xeral. A Deputación destinou á mellora, financiada a través do Plan Extraordinario de Obra Pública, 80.000 euros e coa súa execución mantéñense 18 postos de traballo. Besteiro estivo acompañado na visita ós traballos na vía polo portavoz municipal socialista e candidato á alcaldía, Eduardo Gutiérrez.
Seguidamente, na Casa do Mar da vila, o titular da corporación provincial participou na presentación do libro “Manuel Rodríguez, emigrante y poeta en La Habana”, editado pola Deputación. Pablo Rodríguez, sobriño do protagonista da publicación, é o autor da obra, prologada polo xornalista e escritor Juan Soto, cronista oficial da provincia de Lugo. Nela recóllense as cartas que Manuel Rodríguez, un ribadense que viviu entre os anos 1901 e 1977, lle enviaba dende La Habana á súa familia da vila mariñana e nas que daba conta de como era a vida da comunidade de emigrantes da Costa lucense en xeral e de Ribadeo en particular na illa de Cuba.
Neste senso, a recompilación de misivas, que Pablo Rodríguez encontrou no faiado da súa casa, constata a intensa actividade, tanto a nivel cultural como incluso político, que desenvolvían os ribadenses da diáspora e describe as sociedades en torno ás que organizaban a súa labor. Ademais da correspondencia, na obra figuran poemas dun libro escrito por Manuel Rodríguez no ano 32, reportaxes que se publicaron sobre a súa figura en diversos periódicos e tamén artigos que el mesmo escribiu para os semanarios “La Comarca del Eo” e “Riberas del Eo”, este último desaparecido.






















Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
