Nota de prensa
O Partido Popular sáelle caro aos veciños de Xove
Desde o BNG xovense manifestaron que a actual crise económica tamén é responsabilidade de moitas administracións locais que desaproveitan os seus recursos sen sentido en vez de traballar na reactivación da economía e a creación de emprego, e insistiron en que non se pode andar “tirando nos cartos”.
Marco López advertiu que o PP de Xove leva licitado demasiadas obras de “derrubar e volver a facer”, destinando partidas orzamentarias millonarias para este “desgoberno”. López non se explica como se puideron destinar 200.000 euros á rehabilitación da piscina e, apenas dous anos despois, se volveron consignar outros 120.000 euros para unha nova reforma. Tampouco entende a teima de levantar a avenida principal de Xove e volvela asfaltar a cada pouco. Nesta mesma liña, o candidato do Bloque á alcaldía declarou que xa non se lembra dos cartos que “levan metido” no pavillón polideportivo nesta lexislatura. Asemade, o último exemplo desa despreocupación polo diñeiro de todos os xovenses tivo como consecuencia que os veciños do Camiño Real carezan de alumeado público en condicións.
Marco López clamou porque impere o sentido común na xestión dos recursos do Concello, xa que as graves equivocacións do goberno local fixeron que se dilapidaran moitos cartos por causa dunha “deficiente xestión da riqueza de Xove”.