Nota de prensa
LARA MÉNDEZ LAMENTA QUE O CAMPAMENTO DO FILIAL DO REAL MADRID NON SE CELEBRE EN CERVO POR NEGATIVA DE VILLARES
-Non entende por qué “o alcalde pon impedimentos á hora de facilitar as instalacións do colexio, cando en todo o verán non se lles vai dar uso”
-A socialista sinala que “é unha actividade deportiva que atrae a moitos visitantes e que fortalece o nome de Cervo como destino turístico”
CERVO, 9 DE ABRIL. A voceira dos socialistas, Lara Méndez, lamenta que este ano o campamento de fútbol que organiza cada verán o Canillas, filial do Real Madrid, non se celebre no Concello de Cervo. Segundo publican os medios, o motivo de que elixan outro destino é que o alcalde, Alfonso Villares, non pon á súa disposición as aulas do colexio para pernoitar.
A socialista subliña que “é imposible entender a actitude do señor Villares. Este campamento vense celebrando no noso concello dende hai tempo e é unha pena deixar marchar unha actividade tan atractiva coma esta. Non sei por qué se poñen impedimentos á hora de facilitar as instalacións do colexio, cando en todo o verán non se lles vai dar uso. A explicación do alcalde ten que ser moi convincente para xustificar a súa negativa ou é que volve a poñer de manifesto a deixadez e a falta de interese que ten por potenciar o noso concello”.
Lara Méndez asegura que “esta actividade deportiva fai que viaxen ata Cervo 90 rapaces de entre 7 e 17 anos, algúns fillos de grandes xogadores do Real Madrid. Non só nos visitan os participantes no campamento, moitos deles veñen acompañados dos seus familiares e ademais durante eses días achéganse ata aquí moitos veciños de toda a Mariña. Neste senso, o evento fortalece o nome de Cervo como referente turístico e é unha fonte de ingresos para o sector servizos e a hostelería do noso pobo”.
Méndez engade que “o noso alcalde, Alfonso Villares, debera sopesar un pouco máis as súas decisións antes de descubrir el mesmo a pasividade e pouca preocupación que mantén polas actividades do Concello e a súa conservación. En vez de facer de Cervo un lugar atractivo e dar facilidades a todas aquelas persoas que nos queiran visitar, el adícase a mirar polos seus intereses e traballar o menos posible. Os únicos perxudicados seremos tódolos veciños. Esperemos, polo menos, que outros alcaldes da Mariña sí saiban aproveitar esta oportunidade, xa que parece que a organización pretende seleccionar un concello veciño”.