Nota de prensa
O BNG explicou as súas propostas de goberno sobre “deportes e ocio” en Xove
Marco López percorreu o mercado semanal que se celebra todos os mércores acompañado do número dous da candidatura, Xosé Hermida, e mais do número nove, José Antonio Alonso. Os candidatos do BNG de Xove repartiron dípticos co resumo do programa electoral.
Desde o BNG comprometéronse a construír novas infraestruturas deportivas e de ocio como: un picadeiro de cabalos, unha mini-pista de futbito e básket, un roteiro litoral, unha boleira e dúas pistas de paddle. Asemade, os nacionalistas incidiron na necesidade de crear unha escola municipal de actividades náuticas que desenvolvan deportes tan arraigados na nosa comarca coma o piragüismo ou as traíñas.
A intención do Bloque xovense é tamén a de optimizar as instalacións deportivas de xeito mancomunado entre diferentes concellos e rendabilizalas mediante a reserva de día e hora a través da web local. Nesta mesma liña, os nacionalistas confirmaron que promoverán unha conexión a internet gratuíta e de calidade en todas as instalacións municipais, incluídos os centros sociais.
Como última novidade entre os puntos fundamentais que o BNG vai desenvolver respecto ao apartado deportivo e de ocio, o candidato á alcaldía xovense comprometeuse a facer un parque infantil cuberto “para que os nosos pícaros poidan xogar durante todo o ano”, explicou.