Nota de prensa:
O CONCELLO HABILITARÁ UNHA OFICINA NO LOCAL SOCIAL DE CABARCOS CO FIN DE AXUDARLLES AOS VECIÑOS A TRAMITAR AS AXUDAS CONVOCADAS POLA XUNTA PARA A REPARACIÓN DE VIVENDAS UBICADAS NO CAMIÑO NORTE.
Barreiros, 19 de maio de 2011. O Concello habilitará unha oficina no local social de Cabarcos co fin de axudarlles aos veciños a tramitar as axudas convocadas pola Xunta para a reparación de vivendas ubicadas no entorno do Camiño Norte. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, tildou de moi interesante esta medida.
O rexedor explicou que “despois do anuncio feito pola Xunta de que subvencionará a reparación de vivendas que estean no entorno do Camiño Norte, o que imos facer no Concello para facilitar a labor de tramitación é habilitar unha oficina no local social de Cabarcos. Será no momento no que quede publicado no Diario Oficial de Galicia”.
Fuente Parga sinalou que “o obxectivo é axudar aos veciños a tramitar estas axudas dado que son moi interesantes, porque fálase de 5.000 euros a fondo perdido ou o 75% do investimento con ese límite dos cinco mil euros para adecentar e arreglar todas esas vivendas que, tanto estean ocupadas ou en aluguer, poidan mellorar o entorno do Camiño Norte”. Ao equipo de goberno de Barreiros parécelle interesante esta convocatoria “e o que queremos é apoiar a todos eses veciños para que poidan tramitar esas axudas achegándolles o que é a administración a eles”.