REFERENCIA
NA TOMA DE POSESIÓN COMO ALCALDE DE RIBADEO. 11 XUÑO DE 2011
Xa vai para doce anos desde que quen agora lles fala pasou a formar parte desta corporación. Vivimos tempos, desde entón, de bonanza económica e momentos difíciles, ultimamente ben complicados. Este contexto de crise económica obríganos aos representantes políticos a unha actuación aínda máis responsábel, digna e consciente do que xa de por si se nos debe esixir sempre. A crecente desafección pola política que vivimos está provocada por causas diversas: a disociación habitual entre as palabras e os feitos, a conversión da práctica política en espectáculo mediático no que semella valer todo, a submisión das ideas e dos debates en profundidade ao curtopracismo electoral e aos lemas do marketing. Se queremos ter o respecto debido ao conxunto dos cidadáns e cidadás debemos comezar por térnolo a nós mesmos como representantes seus nas institucións. Poucas actividades poden resultar máis nobres que a dedicación honesta á mellora do benestar de todos e todas. Por iso é tempo de reivindicar a política como forma de participación na vida da comunidade. Mais sexamos conscientes, tamén, de que esta reivindicación hoxe debe levar parella unha profunda mudanza nas formas de relación coa cidadanía e nas maneiras de exercer a súa representatividade. Estamos aquí para debater, traballar e xestionar a res pública, as cousas do común de nós. Debe ser unha obriga de todas e todos os concelleiros, sexan do grupo que for, antepoñer os intereses xerais de Ribadeo e dos ribadenses aos seus particulares e aos dos seus respectivos grupos.
Por iso mesmo, permitídeme que faga aquí unha lembranza e un recoñecemento público para todos os alcaldes democraticamente elixidos polo pobo de Ribadeo, desde o republicano Rafael Fernández Cardoso, que se tivo que se exiliar á Arxentina polo golpe militar do 36, aos alcaldes que do 1979 en diante nos viñeron representando: Mario Meira González, José Fojo Barcia, Antonio Martínez López, Jaime Vidaurrázaga Urbieta, José Ramón Cociña García, José Luis Trashorras Méndez, Eduardo Gutiérrez Fernández, José Carlos Rodríguez Andina e Balbino Pérez Vacas.
Ribadeo, como Galiza, ten diante de si retos de enorme envergadura. Queremos enfrontalos de cara, con intelixencia, sen fuxirmos deles nin agocharmos a cabeza. O galego, conveciños e conveciñas, nin é un pobo dócil, nin submiso, nin acomplexado. Somos un pobo digno e traballador, con identidade, cultura e lingua de seu, un pobo que viviu épocas de esplendor e tamén épocas de miseria. Nos momentos de fulgor demos luz con poesía á Europa medieval, axudamos a construír esa Europa desde o Camiño a Santiago e medramos e avanzamos desde a soberanía das relacións de igual a igual cos demais territorios, co mar da liberdade por medio. Nas épocas escuras, de por parte, fomos quen de nos erguer despois de cada embate da historia, para poñernos de novo en pé sen nunca precisarmos atacar a ninguén para nos afirmar a nós mesmos. Hoxe as institucións galegas, todas elas, deberían responder a eses mesmos criterios, facer honra do noso pasado colectivo. Sen dignidade non seríamos nada. Con orgullo do noso, con autoestima colectiva, con plena confianza en nós mesmos, poderemos ser o que queiramos.
Esa confianza en nós mesmos temos que levala á práctica apostando polos principais proxectos colectivos do pobo de Ribadeo. Toda a cidadanía sabe da importancia de dotármonos do instrumento legal necesario para poder ordenar de xeito racional o noso territorio: o PXOM vai ser algo prioritario e apelamos desde aquí ao espírito de consenso que entre todos os grupos políticos que conformaron a anterior corporación municipal fomos quen de crear. Sigamos desenvolvendo ese espírito construtivo que tan bos resultados dou ata o de agora. Outros temas de vital importancia para o Concello serán atendidos coa mesma actitude: véxase o desenvolvemento do polígono industrial con servizos complementarios que se lle poidan ir incorporando, a posta en marcha da residencia da terceira idade, do centro de día para enfermos de alzheimer, etc.
Pero a realidade hai que lela tamén máis alá da inmediatez dos feitos cotiás; se así o facemos, non será difícil concluírmos que o momento actual supón un punto de inflexión crucial para varias xeracións. Dito de forma concisa: non vivimos unha época de cambios, senón un verdadeiro cambio de época. Oxalá saibamos estar á altura dos retos ao que isto nos obriga. Moitos pensamos que a resposta debe nacer desde abaixo e tecerse en rede social cada día máis consciente. A revolución que hoxe se nos pide é compartida e cidadá: é unha revolución dos valores e das ideas, fondamente cultural nos seus alicerces. Un futuro mellor para todos e todas esixe hoxe unha aposta clara e sen ambigüidades pola educación e a saúde, pola vivenda e o traballo, polo coñecemento e o desenvolvemento das capacidades humanas, pola conservación e aproveitamento intelixente do medio natural e polo remate das vergoñentas desigualdades –de xénero, raza, lingua, orientación sexual ou relixiosa e demais- que aínda lamentablemente subsisten na nosa sociedade.
Nós temos fe no noso pobo, dixera o grande Castelao. Reafirmámonos nesa idea. Témolo porque sabemos que as persoas, o seu talento, esforzo e capacidade, son o mellor recurso do que un territorio pode dispoñer para se desenvolver e progresar desde si mesmo, con intelixencia e soberanía nas decisións. Por iso, e porque está no mellor da nosa tradición galeguista, progresista e democrática, hoxe comprometémonos aquí, eu e todo o meu entusiasta equipo de goberno, a mandar obedecendo. Gobernaremos Ribadeo obedecendo ao pobo de Ribadeo. El é quen máis ordena, el é a quen aquí representamos e a quen aquí, e fóra de aquí, nos debemos. Imos contar con vós; podedes contar con nós.
En Ribadeo, a 11 de xuño de 2011
Fernando Suárez Barcia,
Alcalde-Presidente do Excmo. Concello de Ribadeo






















As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



