Nota de prensa
LARA NON CONTINUARÁ NO BURELA FS PESCADOS RUBÉN
A viveirense Lara Balseiro non continuará no Burela FS Pescados Rubén en 2011-12. A ala, de 18 anos, trasladarase a vindeira tempada á provincia pontevedresa para compatibilizar os estudos de Técnico Superior de Actividades Físicas e Deportivas coa militancia no Poio FSF, da Segunda División, “nunha categoría na que espero contar con máis minutos, que me permitirán evolucionar deportivamente“.
A mariñá deixa a súa terra apenada despois de tres exercicios no Burela FS: “Marcho cun recordo inmellorable das miñas compañeiras, que me trataron moi ben, e de Javier Pardeiro, co que puiden aprender moitísimo, pero agora comezo unha nova etapa lonxe da casa coa esperanza de madurar e enriquecerme como persoa e deportista”, dixo Lara. “A miña intención é volver algún día á miña casa e ao Burela FS como unha xogadora máis madura e experimentada para facerme un sitio no equipo” confesou a futbolista.
A entidade laranxa e especialmente o técnico Javier Pardeiro destacaron a progresión de Lara durante o seu período de formación en Burela e desexáronlle unha nova etapa chea de éxitos. “Sempre foi moi aplicada e implicouse ao máximo co equipo; sen dúbida imos notar a súa falta porque era unha das xogadoras máis queridas do cadro. Estou seguro de que ofrecerá moitos minutos de calidade no seu novo destino e espero que aproveite todas as oportunidades para manter a liña de progresión do Burela FS” expresou o adestrador.