Nota de prensa:
LEIS PONTEVEDRA E A FERVENZA FSF, PRIMEIRO OBSTÁCULO DAS LARANXAS NA XXI COPA GALICIA
As laranxas xa coñecen o primeiro obstáculo no seu camiño cara á Copa Galicia. As pupilas de Javier Pardeiro defenderán o título galego ante o Leis Pontevedra e A Fervenza FSF, da Segunda División, na fase previa, que se disputará entre o 15 de agosto e o 30 de setembro.
A vixésimo primeira edición da cita autonómica volverá reunir nove equipos. Como vixente campión, o Burela FS Pescados Rubén encabeza o Grupo A; Ponte Ourense, campión da División de Honra 2010-11, Viaxes Amarelle e Mosteiro Bembrive, da Segunda División, compoñen o B e o C está formado polo Cidade das Burgas FS, da Primeira División, xunto ao Poio FS e Valdetires Ferrol, da Segunda.
O sistema de liga será a volta única e clasificaranse para a fase final, con data e sede aínda por determinar, os campións de cada grupo e o mellor segundo. A escuadra laranxa iniciará a competición como visitante ante o Leis Pontevedra, na primeira xornada, e recibirá ao A Fervenza en Vista Alegre, na segunda.
Na súa curta historia, de tres anos, o Burela FS Pescados Rubén xa loce na súa vitrina dúas Copa de Galicia. En setembro de 2009, como prefacio do seu debut en Honra, alzouse co título en Ourense ante o Cidade das Burgas. Un ano despois, o cadro mariñán validou o galardón autonómico en Celanova fronte ao fortísimo Ponte Ourense.