Nota de prensa
O ALCALDE EN FUNCIÓNS MANIFESTOU QUE EN CATRO ANOS O BIPARTITO NON FIXO NADA PARA REBAIXAR A AFECTACIÓN DA VARIANTE. FERNÁNDEZ VALLE ASEGUROU QUE SE VAI RETOMAR O EXPEDIENTE “PORQUE LLE INTERESA A BURELA”.
Burela, 31 de agosto de 2011. O alcalde en funcións do concello burelés, Manuel Fernández Valle, manifestou hoxe que “o equipo de goberno vai retomar o expediente, iniciado en 2004 polo goberno municipal popular, de cara a reducir a afectación da variante para introducila con plenas garantías no Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)”.
Fernández Valle, que tamén ostenta a portavocía do grupo municipal popular, engadiu que “este expediente vaise retomar porque lle interesa ao conxunto dos cidadáns deste concello, a pesares de que en catro anos o bipartito non moveu nin un só papel ao respecto”. O rexedor en funcións afirmou que “o traballo feito na etapa anterior do PP sobre este asunto trouxo consigo que a principios de 2007 o Ministerio de Fomento dictara unha resolución para levantar a afectación sobre boa parte do solo urbano consolidado. O que había que facer era continuar coa tramitación do expediente, é decir, expoñer ao público tal circunstancia, e seguir traballando para que Fomento continuara levantando a afectación sobre outras zonas. Pero ese traballo non se fixo, polo que todo o esforzo que no seu día se realizou non serviu absolutamente para nada”.
Ademais, Fernández Valle considerou que “o PXOM leva un retraso de dez meses, porque o informe emitido por Fomento sobre o mesmo foi recibido polo Concello en outubro de 2010, pero para nada se falou co Ministerio sobre o mesmo, e por encima non se informou a ninguén da súa existencia”.
O alcalde en funcións burelés afirmou que “cando remate a rolda de entrevistas que temos previstas coa Xunta e con Fomento, convocaremos aos grupos políticos para informalos sobre o resultado das mesmas, e tamén se convocará á Asociación de Veciños. Pero cada cousa ao seu tempo, porque visto o visto, resulta unha ironía que o anterior alcalde preguntase no pleno de xullo sobre o estado de tramitación do PXOM, se mes e medio despois de cesar pregunta polo PXOM temos que concluir que non tiña nin idea do que se estaba a facer”.