Nota de prensa
O profesorado da Mariña secundou o paro para frear as agresións contra o ensino público e contra o profesorado
En moitos centros de primaria pararon o 100% do profesorado

Todo o claustro de profesores do Ceip Santa María do Valadouro secundando o paro de media hora ''de brazos caídos'
Ribadeo, 20 de setembro de 2011.- O profesorado da Mariña secundou masivamente o paro de brazos caídos de hoxe contra os recortes en materia educativa que está a levar a cabo a Consellería de Educación da Xunta de Galiza. Na maioría dos centros houbo profesorado que simbolicamente fixo dito paro e en moitos centros de primaria foi o 100% do profesorado quen o fixo. Para a CIG-Ensino isto demostra que o profesorado non está de acordo e rexeita as medidas tomadas pola Consellaría ampliando o horario lectivo dos docentes e obrigando ao profesorado a facer funcións que non lles corresponden.
Todas estas medidas, que son tomadas de “de forma unilateral” e desprezando a representación do profesorado, están a empeorar a calidade do ensino público e as condicións do profesorado. A este respecto sinalar a ampliación do horario lectivo; a imposición de realizar tarefas que non lle corresponden; a desaparición de 1.200 postos de traballo, a supresión de 126 unidades ou o peche de 14 unitarias –na Mariña a de Vilaronte-, entre outras.
Así mesmo, rexeitamos a decisión do goberno do PP de recortar, de aquí a final de ano, un total de 8,7 millóns de euros que xa estaban consignados nos orzamentos deste ano. Un recorte que afecta ao ensino público, mentres se reforza o ensino privado coa creación de novas unidades ou a asignación extra de 220.000 € para centros concertados que imparten educación especial.
Tamén esta mobilización demostra que o profesorado está canso das continuas mensaxes de desprestixio por parte do Conselleiro de Educación “que poñen en tea de xuízo o seu traballo”. Entende que con esta política de propaganda a consellaría trata de xustificar medidas que van “en detrimento da calidade do noso traballo” e que se toman sobre un colectivo ao que xa se lle reduciu, nun 7%, o seu salario ou ao que se lle eliminou o dereito á xubilación anticipada”.
A CIG ve que as mobilizacións e a folga é a única saída que se lle deixou ao profesorado galego para parar as consecuencias negativas que as medidas terán na calidade do ensino público, nun ano no que hai máis alumnado e menos profesorado, o que provocará a masificación das aulas, imposibilitará os desdobres e a atención á diversidade ou atención individualizada, para loitar contra o fracaso escolar.
Para os días 21 e 27 deste mes hai convocadas dúas folgas no ensino e desde a CIG animamos ao profesorado da Mariña a secundala para frear as políticas de desprestixio e deterioro do ensino público.