Nota de prensa:
A delegada territorial anuncia que o centro de día para maiores de Lourenzá abrirá as súas portas o vindeiro 3 de outubro
Raquel Arias subliña que, con esta apertura e a da vivenda comunitaria de Alfoz, o actual Goberno da Xunta terá incrementado nos últimos dous anos nun 42% as prazas destas características na provincia de Lugo
Lugo, 23 de setembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou hoxe que o centro de día para maiores de Lourenzá abrirá as súas portas o vindeiro 3 de outubro, e que nas próximas semanas procederase tamén á apertura da vivenda comunitaria de Alfoz, co que “o actual Goberno da Xunta terá incrementado en pouco máis de dous anos nun 42% as prazas destas características na provincia”.
Así, Lugo pasará das 262 prazas dispoñibles en abril de 2009 ás 372, toda vez que xa se procedeu á posta en marcha dos centros de día de Cospeito e Begonte e a data de hoxe o incremento de prazas rexistrado xa alcanza o 26,7%.
A delegada realizou estas declaracións na súa visita ás instalacións de Lourenzá, nas que a Xunta ten investido preto de 680.000 euros. Durante o percorrido, no que estivo acompañada polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez Sierra, a delegada lembrou que a concesión do servizo se fixo de forma conxunta coa de outros centros similares en Galicia, entres eles o de Alfoz, “o que permite realizar unha xestión homoxénea en rede”.
No caso do centro de día de Lourenzá, ao igual que no caso da vivenda comunitaria de Alfoz, a adxudicación da xestión realizouse no mes de agosto, formalizándose a firma da xestión coincidindo co inicio do presente mes. Dende entón, a empresa adxudicataria iniciou o proceso de selección de persoal e, paralelamente, estanse xa a tramitar por parte dos técnicos as solicitudes de prazas existentes para a súa comunicación aos interesados.
Por este motivo, a ocupación do centro de día por parte dos beneficiarios das prazas é paulatina, dado que, atendendo ás condicións persoais de cada adxudicatario, van accedendo ao ocupación da súa praza segundo o seu propio desexo.
Polo que respecta ao centro de día de Lourenzá ofrece 30 prazas, mentras que a vivenda comunitaria de Alfoz engade outras 10 prazas máis. Estes centros están integrados na Rede de Centros de Atención a Persoas Maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Defínense como equipamentos socio-terapéuticos e de apoio ás familias que ofrecen unha atención terapéutica integral promovendo a autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual dos beneficiarios.
Raquel Arias lembrou que o Consorcio Galego destina anualmente arredor de 4,3 millóns de euros ao mantemento de centros de día e vivendas comunitarias na provincia de Lugo, “e coas incorporacións de Lourenzá e Alfoz, a cifra incrementarase ata os 4,8 millóns”, aclarou.