Nota de prensa
Goberno local denuncia que está a sufrir unha persecución política por parte dos responsables de San Marcos
O CONCELLO DE CERVO SOPESA DENUNCIAR Á DEPUTACIÓN POR UNHA POSIBLE PREVARICACIÓN E POR UN PRESUNTO ABUSO MANIFESTO DE PODER
O organismo provincial remitiu ao consistorio cervense unha sanción de 20.000 euros pola colocación duns postes de subministro eléctrico durante as obras da rede de saneamento da Senra
A pesar de que os postes foron retirados pola empresa adxudicataria das obras cando se recibiu a primeira denuncia, o Concello recibe agora esta multa desproporcionada por algo que é alleo a el e fai que se plantee acudir aos tribunais para defender os intereses dos veciños e veciñas do municipio
O Grupo de Goberno levará este asunto a pleno para que os membros da oposición se pronuncien sobre este proceder da Deputación
Cervo, 24 de setembro de 2011.- “A función principal das deputacións provinciais é axudar e cooperar cos concellos, pero desgraciadamente parece que isto non se cumpre na de Lugo”, deste xeito comezou a súa comparecencia hoxe diante dos medios de comunicación o alcalde de Cervo, Alfonso Villares. O rexedor local, acompañado polo primeiro tenente de alcalde e parlamentario autonómico, José Manuel Balseiro, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para denunciar “o abuso de poder” que exerce o organismo provincial contra os cidadáns do concello de Cervo.
O motivo destas declaracións é a recepción no consistorio dunha resolución da presidencia da Deputación na que sancionan ao Concello cunha multa de 20.000 euros pola colocación duns postes de subministro eléctrico para acercar o saneamento ao burgo da Senra. Segundo explicou o alcalde, cando se lle comunicou inicialmente ao Concello esta denuncia o Goberno local informou desta anomalía aos responsables da empresa adxudicataria e executora destas obras, a cal procedeu a retirar ditos postes. “Non se entende -a non ser que sexa un abuso manifesto de poder e unha persecución política- que nos chegue unha resolución da Deputación sancionándonos con 20.000 euros, cantidade que teñen que pagar todos os veciños de Cervo a unha administración que en lugar disto, o que debería de facer é axudar aos seus administrados” recalcou Villares.
Sanción de proporcións desmedidas
O alcalde cervense dixo que no actual momento de dificultades económicas en todas as administracións “e sobre todo nas máis achegadas aos cidadáns como son os concellos” non se entende esta persecución do ente provincial. “Non podemos permitir que se nos sancione por algo que é alleo a nós e que, en todo caso, calquera anomalía que se puidera ter producido, foi reposta ao seu estado inicial por parte dos responsables das obras cando se nos comunicou a denuncia inicial” recalcaron.
Para os membros do equipo de Goberno local “non colle na cabeza” a magnitude desta sanción “nin tal empezoñamento en querer recadar diñeiro dunha administración tan cercana ao cidadán como é un concello”.
Non descartan defender os intereses dos cervenses nos tribunais
“Aquí vese claramente unha persecución política, da cal esperamos que aqueles que só queren abusar, reconduzan a súa postura e que tal sanción sexa retirada e non tida en conta; porque de non producirse tal, verémonos obrigados a estudar a defensa dos intereses dos cidadáns de Cervo, chegando incluso a ter que denunciar unha posible prevaricación por un abuso manifesto de poder, xa que a magnitude da sanción non se corresponde en absoluto con ese espírito de colaboración e axuda para o que foron creadas as deputacións provinciais” recalcou o mandatario cervense.
Ao fío disto, Villares expuxo unha serie de dúbidas polo proceder da Deputación de Lugo neste conflito. “Gustaríanos moito que a Deputación nos respondese se houbo nestes anos unha resolución desta lesividade e magnitude contra algún concello desta provincia, ou se houbo algunha resolución tan sequera parecida á que nos acaban de poñer a tódolos cervenses por uns feitos semellantes aos que se nos imputan erroneamente”.
A oposición debe pronunciarse
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde e parlamentario autonómico, José Manuel Balseiro, incidiu no abuso de poder da Deputación apoiándose no feito de que a pesares de que a empresa das obras do saneamento da Senra retirou os postes causantes da denuncia no momento de ter coñecemento dela, “o expediente sancionador non se arquivou, como se fai habitualmente nestes casos, se non que proseguiu o seu curso e se fixo caso omiso a tódalas alegacións formuladas dende o Concello ata chegar a esta resolución. Isto demostra a clara intencionalidade de prexudicar a tódolos veciños e veciñas deste concello” asegurou Balseiro.
Por último, Balseiro adiantou que o grupo de Goberno local ten previsto levar este asunto a unha sesión plenaria para que os grupos que compoñen a oposición na corporación local manifesten a súa opinión por este proceder do ente provincial. “Esperemos que tanto o grupo municipal socialista como o nacionalista se poñan ao lado dos seus veciños e condenen abertamente esta actitude da Deputación, a cal choca frontalmente co principio de cooperación entre administracións” recalcou o primeiro tenente de alcalde cervense.























As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



