A Deputación contará cun orzamento de 93,9 millóns de euros para o ano 2012 e baixa 1,4 millóns en gastos de persoal
Nota de prensa
Atallar a caída demográfica con emprego, o obxectivo central do Orzamento 2012, que aumenta en 1,7 millóns
– O incremento prodúcese grazas á xestión premiada dos proxectos comunitarios. Como exemplo desa solvencia, Besteiro anunciou que a Deputación foi a institución galega que máis fondos certificou na convocatoria 2007-2011
– Os Presupostos ascenden a 93,9 millóns de euros e seguen mantendo o principio de estabilidade orzamentaria. O Presidente destacou que están listos para entrar en vigor o 1 de xaneiro, cumprindo cos obxectivos marcados polo Goberno Provincial
– A Deputación aforra 1,4 millóns de euros en Gastos de Persoal -que se suman ós 10 xa rebaixados este ano- debido á reestruturación do cadro de persoal, ó descenso en retribucións varias e ó recorte en asesores e funcionamento do Goberno Provincial
– O Vicepresidente Primeiro subliñou que, “fronte ós paos da Xunta”, con este presuposto a institución luguesa “apuntala o Estado de Benestar, axuda a crear emprego e impulsa o gran tecido de asociacións culturais, deportivas e veciñais da provincia, sen excepcións”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Veiga, e a Deputada de Economía, Pilar García Porto, presentaron este mércores en rolda de prensa o Orzamento da institución para o 2012, que ascende a 93.901.797,34 euros, o que supón un incremento de 1,7 millóns con respecto a 2011, e que terá como obxectivo central atallar a caída demográfica que sofre a provincia coa creación de emprego. “O primeiro mandato foi o de saldar as débedas históricas coa provincia, como a transferencia dos hospitais, os parques de bombeiros, o Canon ou o centro da UNED, e o segundo vai ser o da demografía e o emprego, o da reacción ante a sangría de poboación que está a padecer a nosa provincia. Como dicía o título daquelas xornadas que organizamos a primeiros de ano, Lugo Reacciona, converténdonos nos primeiros que demos a voz de alarma en Galicia sobre o despoboamento, nós reaccionamos. De feito, a Deputación converteuse na primeira institución española en ter unha área específica en demografía”, argumentou Gómez Besteiro. O Orzamento está listo para entrar en vigor o 1 de xaneiro, “que é o que queríamos, porque fixemos os deberes en tempo e forma”, dixo o Presidente.
O aumento en 1,7 millóns, como explicou Besteiro, “prodúcese grazas a que a Unión Europea premiou á Deputación pola xestión dos programas comunitarios e revalidou todas as propostas que presentamos. Un dato novo e moi relevante: somos a única Deputación galega á que non lle rexeitaron nin un só proxecto, conseguímolos todos, na convocatoria 2011-2013”. Como exemplo da solvencia e rigor do organismo provincial na xestión dos fondos da UE, o xefe da corporación provincial, recalcou que a Deputación de Lugo “é a institución galega que foi capaz de executar e certificar máis fondos europeos na convocatoria 2007-2011, unha situación que tamén destaca como exemplar no conxunto de España. Segundo datos oficiais do Ministerio de Administracións Públicas destes mesmos días, a media da certificación de proxectos das deputacións galegas é a seguinte: A Deputación da Coruña certificou un 21% dos fondos que lle concedeu a UE; a de Pontevedra, un 60,9%; e a de Ourense, un 36,4%; mentres que a de Lugo certificou un 80,4%”.
O Orzamento Xeral ou Consolidado abarca o da propia Deputación, que ascende a 90.486.048,93 euros; e os correspondentes ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), de 8.128.622,60 euros, e á Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), que contará con 6.184.748,41 euros. As contas do INLUDES e SUPLUSA xa foron aprobadas nos correspondentes consellos reitores a pasada semana.
Como dato revelador da urxencia de loitar contra a caída demográfica, Gómez Besteiro indicou que na década 2000-2010 “soamente gañaron poboación, por esta orde, Lugo, Burela, Ribadeo, Viveiro, Outeiro de Rei, Sarria, Foz e Rábade; os demais Concellos, os 59 restantes, perdérona”. “A mellor forma de cooperar cos Concellos, que é a nosa razón de ser, é loitar contra esa sangría demográfica que padecen, e un dos camiños para fixar poboación e crear emprego é conseguindo fondos europeos, despois de demostrar que somos dos mellores de España na súa xestión. Na última convocatoria conseguimos proxectos por valor de 25 millóns, o 70% financiado pola UE, e seguimos traballando coa mesma humildade e éxito que cando presentamos os primeiros proxectos comunitarios en 2008”, asegurou.
14,4 millóns de fondos europeos para 2012
Nos Orzamentos de 2012, a partida correspondente ós proxectos comunitarios ascende a 14.460.626 euros, que se investirán nas tres liñas de actuación que, segundo din os expertos, é imprescindible levar a cabo no rural para fixar poboación: as novas tecnoloxías, os proxectos de economía medioambiental e a creación de emprego. “Isto será o que faremos a través do Innova-TE 2, o Lug02 e o Pacto Provincial polo Emprego”, dixo o Presidente.
Un Orzamento equilibrado
O Orzamento Consolidado de 2012 está equilibrado e segue mantendo o cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria, despois de ser a primeira Deputación galega que aprobou hai 3 anos un plan económico-financeiro para chegar a acadar este fin xa no ano 2011. A sustentabilidade económica da Deputación segue garantíndose. Recórtase o Gasto Corrente nun 12,31% e baixa a débeda financeira da Deputación, pois amortízanse 4,6 millóns de euros e a nova operación de crédito é de 4,5 millóns. Ademais, amortizáronse 10 millóns de euros en 2011.
O Orzamento Consolidado da Deputación para o 2012 contempla así mesmo unha redución moi significativa, de 1.149.485 euros (o que supón un 4,38% menos), no capítulo de Gastos de Persoal. Segundo explicou a Deputada de Economía, Pilar García Porto, este descenso prodúcese por tres motivos:
Por unha banda, debido á reestruturación do cadro de persoal, “que se aprobou a semana pasada por maioría na Mesa Xeral de Negociación e coa que conseguimos optimizar os recursos humanos, amortizando prazas e postos, aforrando custes”. Deste xeito, por exemplo, na nova estrutura amortizamos o posto de Director do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) porque, ó existir unha área de goberno específica e unha Deputada que se ocupa directamente dela, non é necesario que siga existindo un director do centro.
Outra razón pola que se produce esa redución en Gastos de Persoal é o recorte en retribucións varias en 125.000 euros.
Tamén é resultado da redución nun 20% dos asesores con respecto ó mandato anterior. A Deputada resaltou neste senso que os dependentes de Presidencia da Deputación aínda se recortaron máis, nun 30%. No presuposto para o funcionamento dos membros do Goberno Provincial, engadiu, “aplicamos unha redución máis que notable con respecto ó mandato anterior, chegando ó 25% menos”. Ademais os soldos do Equipo de Goberno seguirán conxelados, unha decisión adoptada no 2010 antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución do Déficit Público.
García Porto indicou que no apartado de Gastos de Persoal “xa aforramos en 2011 preto de 10 millóns de euros, o que supuxo un 33% menos, unha vez reducido o gasto estrutural”.
“A Deputación non vai asumir competencias impropias”
O Presidente aseverou na presentación do Orzamento 2012 que, “tendo en conta o momento de máximo rigor no que estamos tódalas administracións, a Deputación de Lugo non vai asumir competencias que lle son impropias. Deste xeito, esiximos a segunda descentralización do Estado, que as Comunidades Autónomas lles transfiran fondos ós gobernos locais. A Deputación vaise dedicar ós Concellos, non podemos estar facendo dunha Xunta desaparecida na provincia, nin de Goberno Central, que teremos que avaliar como funciona”. Non obstante, continuou, “dado que nos parece gravísimo que a administración competente non o faga e dado que nolo están pedido os alcaldes e os veciños repetidamente”, o organismo fará dúas excepcións:
O primeiro centro público de recría en España, cuxa primeira fase se está executando con 6 millóns de euros. “Aínda estamos esperando a coñecer a opinión da Xunta sobre este ambicioso proxecto que revolucionará o campo lucense e o galego, pois dende o primeiro momento propuxémoslle ó Goberno galego coñecer a nosa iniciativa. Fixemos esta petición ata en 8 ocasións. Primeiro ó Presidente, Alberto Núñez Feijóo, e máis recentemente ó Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, logo de que Feijóo delegase nel. Como digo, aínda non tivemos resposta algunha e levamos esperando máis de 2 anos e medio. Esperemos que a Xunta non siga mirando a outro lado”, afirmou Gómez Besteiro.
A rede provincial de residencias da terceira idade. Nos orzamentos de SUPLUSA para 2012 están consignados 15,3 millóns de euros para execución de 12 residencias da terceira idade e centros de día, cos que se crean 500 prazas en Concellos de todas as cores políticas. “Ó igual que no caso do Centro de Recría, estamos esperando a que a Xunta nos atenda e que aclare dunha vez se vai colaborar nun proxecto tan demandado e necesario, neste caso concertando prazas, tal e como prometeu en varias ocasións, a última 6 días antes de celebrarse as eleccións municipais. Neste senso, o Presidente avanzou que o Consello de Administración de SUPLUSA “analizará en próximas reunións como vamos desenvolver este proxecto, pois ó parecer hai algún Concello que non quere seguir adiante”.
2,3 millóns para os parques de bombeiros, tamén o de Monforte
Por outra banda, sufragado ó 50% coa Xunta de Galicia, no Orzamento do 2012 hai unha previsión económica de 2.372.186,17 euros para o Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros de Lugo, cuxa creación conseguiu desbloquear este Equipo de Goberno. Nesa achega inclúese a cantidade correspondente ó parque de Monforte de Lemos.
O Presuposto contempla así mesmo a última achega que a Deputación fai a Alibós Galicia, unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada, no marco dun proxecto de colaboración asinado entre ambas entidades destinado á recuperación de soutos e á comercialización da castaña. A colaboración económica total da Deputación ascendía a 700.000 euros e a última achega, que se fará no 2012, é de 180.000 euros. Este sector xera en toda a Comunidade Autónoma un volume de negocio de máis de 30 millóns de euros, dos que uns 15 se facturan na provincia. Deste xeito, en Lugo atópase preto do 40% de toda a produción galega.
Tamén se dá continuidade cunha partida de 650.000 euros ó plan URBAN, que a Deputación desenvolve conxuntamente co Concello de Lugo para a mellora e desenvolvemento sostible do casco histórico da capital.
Unha das partidas que destacou o Presidente foi á de Estradas, pois neste apartado, “aproveitando ó máximo os recursos propios, logramos un aforro de 500.000 euros. Deste xeito, mentres que en 2011 tiñamos presupostado 600.000 euros para a redacción de proxectos de obra, en 2012 reducimos esa partida hasta os 100.000 euros, como lles digo aproveitando os nosos propios recursos, é dicir, encargándollelos proxectos ós nosos técnicos, non contratándoos a empresas externas”.
Polo Estado de Benestar e a creación de emprego
Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antonio Veiga, recalcou que, “fronte ós paos e os recortes brutais da Xunta”, o Orzamento da Deputación “apuntala o Estado de Benestar, axuda a crear emprego e impulsa o gran tecido cultural, deportivo e veciñal co que contamos na provincia, sen excepcións, e en pé de igualdade”. “Consideramos que nesta situación de crise é o sector público o que ten que tirar da economía e fortalecer o Estado de Benestar”, engadiu Veiga.
O Vicepresidente subliñou o esforzo do organismo neste senso, poñendo como exemplo o incremento da partida destinada a Axuda no Fogar ata chegar ós 600.000 euros (100.000 máis que no 2011), o que “contrasta co recente anuncio da Xunta de aplicar un brutal recorte ós Concellos neste ámbito, que nalgúns casos chegaba ó 80%, e que pode supoñer reducción de postos de traballo”. “Nós si apostamos pola axuda do fogar, isto é garantir os servizos públicos, o que significa tamén crear emprego”, asegurou.
Antonio Veiga fixo referencia así mesmo á constitución da Empresa Provincial de Turismo, pois nos Orzamentos 2012 contémplase a partida suficiente para poñer en marcha esta entidade, de capital maioritariamente público pero que ten a porta aberta á iniciativa privada, e persegue tres obxectivos: Desestacionalizala actividade turística, diversificala e coordinar esforzos entre a iniciativa pública e privada.
“Fronte ós terrible recortes en Cultura e Deporte que aplicou a Xunta, borrando axudas dun plumazo”, asegurou Antonio Veiga, a Deputación mantén a inversión nestas áreas en liñas de axuda de concorrencia competitiva, “en pé de igualdade”, contemplando no Orzamento 400.000 euros para asociacións e 500.000, para colectivos e clubes deportivos. Estas axudas, subliñou, “son a garantía da pervivencia de centos de clubs deportivos en Lugo, do deporte que nos socializa e nos educa en hábitos saudábeis, pero tamén garanten que centos de asociacións culturais poidan desenvolver a súa actividade”.