Nota de prensa
Seis colectivos de escolares, veciñais e deportivos redescubrirán esta semana a Costa, A Montaña e a Ribeira Sacra co Km0
– Preto de 300 persoas participarán nas rutas do programa medioambiental da Deputación, que inclúe actividades adaptadas a tódalas idades
– Dous grupos de rapaces, un do CEIP de Currelos, do Saviñao, e outro do colexio Sagrado Corazón de Ribadeo, visitaron o Concello ribadense e o de Lugo, respectivamente
Preto de 300 persoas de seis colectivos de escolares, veciñais e deportivos da provincia redescubrirán esta semana A Mariña, A Montaña e a Ribeira Sacra grazas ás actividades organizadas no marco do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo. As rutas foron inauguradas este martes por dous grupos de rapaces, o que é boa proba de que o Km0 ten actividades adaptadas a calquera público, dende rapaces en idade escolar ata colectivos de máis idade.
No primeiro caso, 24 rapaces do CEIP de Currelos, do Saviñao, viaxaron ata a Costa, en concreto, ata o Concello de Ribadeo. Antes de partir cara a Mariña, achegáronse ata a localidade de Bonxe para coñecer o proceso de fabricación da súa famosa oleiría. Xa no Concello ribadense e tras repoñer forzas, puideron coñecer o entorno da ría grazas a unha travesía en barco, e dar unha volta polas rúas do casco histórico da localidade, a onde chegaron empregando o ascensor panorámico que conecta estes dous puntos da localidade mariñana. Finalmente, visitaron o convento das Clarisas, onde degustaron os produtos do seu obradoiro.
Pola súa banda, 30 alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Ribadeo visitaron o Concello de Lugo. Coñeceron en primeiro lugar o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), tras o que se achegaron ó contorno do río Rato para gozar dun agradable paseo polas súas ribeiras, repoñer forzas cun xantar e ver in situ como as materias primas da zona se transforman en variadas labores de cestaría. Xa pola tarde visitaron a Catedral, tras o que deron unha volta polo adarve da Muralla e visitaron o seu centro de interpretación. Finalmente, atenderon ás explicacións sobre o pasado romano de Lugo na Casa dos Mosaicos.
Mañá mércores será a quenda da Asociación “O Castiñeiro” de Lamas de Prado, de Lugo, e dun grupo do Concello de A Fonsagrada. Os 55 membros da asociación lucense achegaranse ata o Cebreiro, onde coñecerán un tramo do Camiño Francés grazas á ruta de sendeirismo que o percorre; visitarán o museo etnolóxico que ocupa unha das pallozas conservadas e a igrexa prerrománica de Santa María la Real e finalmente subirán ata a Cruz de Ferro. Os 48 fonsagradinos viaxarán ata o Concello de Sober para visitar Adegas Algueira, unha das numerosas existentes en Amandi, e na que poderán degustar algúns dos seus produtos. Xa pola tarde, e tras embarcar en Doade, navegarán polas augas do Sil ata Pena do Castelo.
Na última xornada da semana, o xoves, 55 membros da Asociación de Veciños de Roupar, de Xermade, e outros 55 lucenses da Asociación Deportiva Castelo Rato visitarán o Concello de Viveiro. Durante a súa visita, o primeiro grupo será testemuña da actividade da Lonxa de Celeiro e admirará algunha das postais máis típicas deste Concello, coas vistas que se poden ver dende o monte de San Roque ou cun paseo pola praia de Covas. Finalmente achegaranse a visitar o obradoiro do artesán Otero Regal, recentemente agasallado co Premio Nacional de Artesanía, ó igual que o colectivo lucense, aínda que este comezará a súa visita cun percorrido polo casco histórico da localidade mariñana, achegándose á Igrexa de Santa María do Campo ou ós resto da Muralla coa Porta de Carlos V.
Rutas para todos os públicos
O programa medioambiental Km0, con 127 rutas, foi posto en marcha pola Deputación Provincial co apoio da Unión Europea co fin de levar novos ingresos ós municipios lucenses con visitas guiadas que ofrecen a posibilidade de redescubrir as riquezas da provincia segundo as preferencias dos solicitantes. Tendo en conta esta diversidade, ofrécense tres modalidades de Km0: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas da provincia; Km0 Xtreme, que ofrece 25 alternativas de multiaventura e deporte; e Km0 a Compostela, que promociona as rutas do Camiño ao seu paso pola provincia.
Todos os interesados en participar poden inscribirse chamando ós teléfonos 982-260-074 ou 982-260-075, ou ben entrando en www.deputacionlugo.org e accedendo ó espazo Km0 dende a portada, onde deberán cubrir o corresponde formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. O prezo é de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e solicitantes individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas (agás colexios e institutos públicos, exentos de pago). Hai 3 modalidades de pago: en persoa, no servizo de Tesourería da Deputación (Pazo de San Marcos), en calquera sucursal de Novacaixagalicia (no número de conta 20800152663110001425) ou a través da páxina web da Deputación, modalidade que supón un desconto do 10% do custo total.























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



