Nota de prensa
A realidade dos residuos en Galiza: “Puntos limpos”, vertedoiros incontrolados de residuos perigosos
12 de decembro de 2011. Os puntos limpos deseñáronse para xestionar aqueles residuos urbanos tóxicos, perigosos ou especiais que non deben xuntarse co lixo domiciliario. Usualmente, son os concellos quenes os xestionan e a veciñanza debe trasladar voluntariamente os seus residuos (pilas, lámpadas, ordenadores, aceites…) coa garantía que van ser tratados axeitadamente. Porén, moitos puntos limpos son instalacións virtuais: non están abertos ou non funcionan axeitadamente. Noutros casos rematan sendo simples “aparcadoiros de lixo” no que os residuos amoreados carecen das mínimas garantías sanitarias e ambientais. Tal é o caso do “punto limpo” do concello d’As Neves: baterías polo chan, anacos de uralita ciscados entre cascallos, aceites rebordando do contedor e fluindo polo pavimento…
Dada a natureza dos refugallos que acollen estas instalacións, é importante que os protocolos de recolida, almacenamento e tratamento destes sexan escrupulosamente respectados. A cidadanía confía en que as administracións cumpran as garantías sanitarias e ambientais no manexo destes residuos: para iso molestámonos en separar axeitadamente, e desprazarmos até estes recintos cos nosos refugallos.
Non é tolerábel que por desidia, incapacidade ou falta de interese, estes elementos perigosos e contaminantes non teñan un tratamento axeitado. Mesmo poden dar lugar a riscos sanitarios e ambientais: o fibrocemento (uralita) deita amianto, un elemento canceríxeno por inalación e contacto; unha soa pila abonda para contaminar 20.000 l de auga potábel e os seus metais pesados acumúlanse nos tecidos podendo provorcar disrupcións hormonais, tumores ou problemas neurolóxicos. E os aceites usados, sobre todo os minerais (aceites de motor) poden contaminar gravemente os acuíferos con hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs, benzopirenos) e metais pesados.
Estas malas prácticas son tamén para ADEGA unha herdanza de SOGAMA: transmitiuse á cidadanía a idea de que o lixo simplesmente “desaparece” ao botalo ao contentor ou levalo ao punto limpo. E se non se ve o lixo, solucionado o problema. No entanto, os residuos non desaparecen: só cambian de ubicación (o enorme macrovertedoiro de SOGAMA na Areosa, Cerceda); ou de fase, transformándose ao incineralos en gases e cinsas moi tóxicas que xeran novos e máis graves problemas ambientais.