Nota de prensa
O Bloque amosa a súa decepción pola exclusión de Xove dos Orzamentos da Xunta para o 2012
Os nacionalistas xovenses entenderon a ausencia do presidente da Xunta e da presidenta do Parlamento no debate das emendas de interese para o seu concello como “unha falta de respecto institucional sen precedentes”
O BNG de Xove criticou o “absentismo laboral” de Núñez Feijóo e Pilar Rojo, que preferiron asistir en Madrid á investidura de Mariano Rajoy como presidente do goberno español no canto de atender as súas obrigas. “Así amosa unha vez máis o PP o seu desprezo polo autogoberno”, asegurou Marco López, “nin lles importan os nosos problemas nin lles importa este país”.
O voceiro municipal do Bloque reiterou a decepción do seu partido despois de que o PP rexeitara todas as emendas presentadas polo grupo parlamentar do BNG aos Presupostos Xerais para o ano 2012. Entre estas figuraba un proxecto de ampliación do polígono industrial de Camba e mais a construción de vivendas sociais (ou a compra para VPA das xa existentes na Urbanización Palmeiro). Unhas propostas que, ademais, o PP de Xove levaba no seu programa electoral de hai cinco anos e que agora “veñen incrementar unha longa lista de incumprimentos”.
Marco López anunciou que “o noso concello non recibirá nin un can do orzamento que se aprobou onte, pero o máis grave é que non quixeron nin escoitar a nosa argumentación”, sinalou en referencia á viaxe de Feijóo e Rojo á capital do Estado. “Non se poden antepoñer os intereses particulares ás obrigas institucionais”, advertiu.