Nota de prensa 1/2
O CLUB NÁUTICO DE RIBADEO RECIBIU EN PANTÓN O DIPLOMA DE RECOÑECEMENTO DA XUNTA POR CONSEGUIR A Q DE CALIDADE TURÍSTICA NO 2011. MARIO COTO AMÓSASE ORGULLOSO POR ESTE GALARDÓN E AGRADECE O TRABALLO REALIZADO POLOS TRABALLADORES DO CNR.
Ribadeo, 31 de xaneiro de 2012. O presidente do Club Náutico de Ribadeo, Mario Coto, recolleu en Ferreira de Pantón o diploma de recoñecemento da Xunta de Galicia . O acto desenvolvéuse no hotel balneario Augas Santas e contou co presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.
Coto sinalou que “para o Club Náutico de Ribadeo esto significa un orgullo e unha labor de traballo que vimos desenvolvendo para conseguir Q de calidade. No acto de Fitur, que foi a nivel nacional, sentinme orgulloso de estar alí representando ao Club Náutico de Ribadeo. Nós dámoslle moita importancia porque a calidade é o que nos vai levar a bon porto ao final. Agora en Ferreira de Pantón, a nivel Galicia, faise a entrega a seis clubes galegos que están na Q de calidade e tamén a praias e a casas rurais. Aquí tamen estou moi orgulloso de recibir este recoñecemento por parte da Xunta de Galicia porque é a nosa comunidade autónoma”.
O presidente do CNR considera que “debemos esmerarnos o máximo posible co turismo porque o Club Náutico de Ribadeo traballa cara ao turismo náutico coa Q de calidade, coa bandeira azul e coa ISO 14.001 e todo isto é moi importante. É unha aposta que facemos en conxunto porque levamos o nome do noso pobo, que é Ribadeo polo mundo adiante”. Mario Coto agarda renovar neste 2012 a bandeira azul do CNR, “a xunta directiva do Club Náutico de Ribadeo apostou duro por meterse nestas cousas. Na bandeira azul tivemos que retomar o tema cando entramos, o clube xa a tivera pero perdeuna e volvimos conseguila e desde que esta directiva está seguímola tendo tódolos anos e esperamos que este tamén a manteñamos”.
Mario Coto tivo palabras de recoñecemento para os traballadores do Club Náutico de Ribadeo, “a directiva ten ideas, pero despois hai unhas persoas que fan o traballo para que esto saia adiante, que son os empregados do clube, tanto no tema de papeleo e de preparar as documentacións como na parte de marinería, que teñen unha serie de informacións e cursos para que se cumpra a normativa vixente en cada momento tanto de bandeira azul como da Q de calidade como do Emas”.
Coto recolleu o diploma do Club Náutico de Ribadeo e tamén os que recibiron as praias de As Catedrais e As Illas/Castros.
Concursos en 2012
Mario Coto aproveita esta xornada para falar dalgunhas das actividades que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses en materia de vela e pesca. O presidente do CNR dixo que “como a directiva do Club Náutico de Ribadeo ten tantas gañas de superarse estamos desenvolvendo un papel importantísimo na vela, do que se ocupa o meu compañeiro Pedro Peña Garay (Modesto), que é o vicepresidente do clube. Este pasado domingo houbo un torneo no que xuntamos varios clubes náuticos desta zona”.
E engadiu que “na pesca temos un programa moi amplio para este ano. Por primeira vez estamos intentando lograr a participación de dúas mulleres no campeonato de España de pesca desde embarcación fondeada despois dunha preselección que haberá neste mes de febreiro. Xa temos preparado o campeonato provincial de pesca, que se celebrará en setembro, temos un campeonato open en semana santa, temos outro open en xullo aproveitando o Villa de Castropol, porque creo que debemos colaborar entre todos os pobos que estamos na ría de Ribadeo, e haberá outro durante a Semana Náutica, en agosto. E realizaranse tamén outros campeonatos de pesca ademáis de retomar outra vez o tema do buceo”.
Nota de prensa 2/2
Hoxe, no acto de recoñecemento Q de Calidade Turística en Galicia celebrado en Pantón
FEIJÓO DESTACA A APOSTA DA XUNTA POLA CALIDADE COMO EIXO DA POLÍTICA TURÍSTICA REFLECTIDA NUNHA NOVA LEI PARA O SECTOR, NO PLAN DE ACCIÓN DO TURISMO DE GALICIA, NOS 14 XEODESTINOS E NAS AXUDAS PARA ACADAR A CERTIFICACIÓN “Q”
Amosa a satisfacción de que, por segundo ano consecutivo, Galicia sexa a primeira comunidade que máis certificados Q de Calidade Turística ten conseguido
Afirma que unha alternativa baseada na fidelización, na oferta dun produto diferenciado, de calidade é a mellor garantía para consolidar a nosa oferta “neste sector clave da economía”
Destaca que o turismo supón para Galicia case o 11% do PIB, máis de 100.000 empregos, o 11% da poboación activa da comunidade
“Non abonda con ofrecer unha ampla diversidade de servizos, hai que ofrecer os mellores”, di, e felicita “aos 234 emprendedores que entenderon a mensaxe”
Pantón (Lugo), 31 de xaneiro de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, a aposta da Xunta pola calidade como eixo da política turística reflectida nunha nova lei para o sector, no Plan de Acción do Turismo de Galicia, nos 14 xeodestinos e nas axudas para acadar a certificación Q.
“Esta aposta por cambiar cantidade por calidade foi un dos eixes da política turística da Xunta. Primeiro, impulsamos unha nova lei para o sector, que lle dera as maiores garantías e que regulara a calidade. Segundo, impulsamos un Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013. Despois, sinalamos os 14 xeodestinos na comunidade e abrimos unha liñas de investimento para que os establecementos que quixeran apostar pola calidade e pola certificación Q o puideran facer”, explicou Feijóo, durante o acto de recoñecemento Q de Calidade Turística en Galicia, que tivo lugar no Balneario de Augas Santas en Pantón.
Nestes momentos de crise, o presidente autonómico recoñeceu que hai razóns para mirar con certo optimismo ao sector turístico, “que está a saber adaptarse –dixo- á actual conxuntura para ofrecer a súa mellor cara, o seu rostro máis competitivo”. “Galicia gozou dun excelente Ano Santo Xacobeo no 2010. O mellor Ano Santo da nosa historia. E en 2011, aumentamos a cifra de visitantes”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que o turismo supón para Galicia case o 11% do PIB, máis de 100.000 empregos, o 11% da poboación activa da comunidade; “é –aseverou- un dos piares básicos da economía galega e española, que foi transformándose ao longo das últimas dúas décadas, e agora encóntrase na encrucillada da crise, no momento da toma de decisións para elixir o camiño correcto que conduza canto antes á saída deste pozo que é a crise económica”.
Neste sentido, o titular da Xunta afirmou que “a clave chámase calidade”. “Que a alternativa veña da man da fidelización, da oferta dun produto diferenciado, de calidade é a mellor garantía para consolidar a nosa oferta neste sector clave da economía”.
Feijóo amosou a satisfacción de que, por segundo ano consecutivo, Galicia sexa a primeira comunidade que máis certificados Q de Calidade Turística ten conseguido. “Constatar este feito é un gran recoñecemento á labor das máis de 100.000 persoas que traballan no sector turístico galego”.
O presidente da Xunta concluíu reiterando que “non abonda con ofrecer unha ampla diversidade de servizos, hai que ofrecer os mellores”, e felicitou aos 234 establecementos, “aos 234 emprendedores que entenderon a mensaxe”.
Coidar o liderado de Galicia no sector turístico
Pola súa banda a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, resaltou que en Galicia, somos líderes no sector de Instalacións Náutico Deportivas (o 50% das existentes en España están en Galicia, 6 de 12); e somos líderes no sector de Turismo Activo, tamén co 50% das empresas certificadas existentes no Estado (4 de 8). Segundo explicou Pardo, seguimos a ser a primeira comunidade española en establecementos rurais certificados –en total temos 60 dos 216 existentes, o que significa un 27,7% do total- e tamén lideramos a cifra de certificacións no sector Balneario (7 dos 38 balnearios certificados están aquí, o que significa un 18,4%). Do mesmo xeito, Galicia é a comunidade con maior número de aloxamentos turísticos certificados- hoteis, casa de turismo rural e acampamentos-. En total, 106 dos 771 de toda España están en Galicia.
Segundo comentou a secretaria xeral, por primeira vez desde a Administración autonómica se promoveu unha orde específica en 2011 por valor de 300 mil euros, dirixida a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis-talaso e balneario, balnearios, cafeterías, bares, restaurantes, pazos de congresos e empresas dedicadas ao turismo activo co obxecto de implementar as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE. A Xunta ten, xa que logo, unha orden específica dentro das axudas ao sector dirixida a implantar e renovar as certificacións Q de Calidade Turística.
Así mesmo, Carmen Pardo explicou que todas as ordes de axuda da SXT conteñen discriminación positiva para o Q. Están dirixidas á potenciación e mellora do sector e contemplan dentro dos criterios de valoración que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística: acreditando certificación da Marca Q ou a súa adhesión ao ICTE, así como o distintivo de Boas Prácticas de Compromiso de Calidade Turística concedido por un destino SICTED na C.A. de Galicia; ou unha certificación de calidade ambiental internacionalmente recoñecida ou ben una certificación de calidade en accesibilidade conforme á norma internacional ISO 170001.
A secretaria xeral comentou que “todos sabemos que o apoio institucional ao sistema de calidade é un dos investimentos máis rendibles porque incide na transformación cualitativa dos negocios turísticos; redunda na satisfacción dos clientes; e reverte na fidelización do destino”. E engadiu que “o traballo na mellora da calidade do destino turístico Galicia é un esforzo de todos e polo tanto é un logro que todos debemos compartir”. Parafraseando a Jim Rohn, Pardo rematou animando aos empresarios a seguir colaborando e esforzándose por facer de Galicia un destino de calidade e recalcando que “para ser exitoso non hai que facer cousas extraordinarias, senón facer cousas ordinarias pero extraordinariamente ben”.