Nota de prensa:
Máis de 22.300 persoas beneficiáronse en 2011 dos servizos de orientación promovidos pola Xunta na provincia de Lugo
-A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe as novidades destas axudas para 2012.
-A orde de accións de información, orientación e busca de emprego conta cun financiamento de 7,4 millóns de euros para toda Galicia e permitirá habilitar a máis de 240 técnicos.
-Díaz López destacou que a convocatoria de axudas fomenta este ano a figura das mancomunidades ou outras agrupacións de municipios, xa que no reparto das subvencións se garantirá a existencia dun mínimo de persoas desempregadas para que os servizos de orientación se presten alí onde máis se precise.
-Explicou que a iniciativa é unha medida activa de emprego dirixida á mellora da capacidade de inserción laboral das persoas desempregadas a través da información e a orientación profesional personalizada.
Lugo, 24 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar investirá en toda Galicia un total de 7,4 millóns de euros para a concesión de axudas e subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca do emprego (accións IOBE). Esta orde, que xa saíu publicada este mes no Diario Oficial de Galicia (DOG), financiará accións por período máximo dun ano: desde o 1 de febreiro de 2012 ata xaneiro de 2013.
Grazas a este investimento, as entidades beneficiarias destas axudas poderán chegar a habilitar en toda Galicia a uns 240 técnicos de orientación, que se encargarán de prestar asesoramento e información aos desempregados.
Así o explicou hoxe en Lugo a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, quen expuxo as novidades desta convocatoria de axudas, unha iniciativa que permitiu o ano pasado na provincia lucense contratar a 50 orientadores profesionais. Os servizos de orientación beneficiaron aproximadamente a máis de 22.300 persoas en toda a provincia de Lugo, concretou a directora xeral, quen estivo no acto acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
Na cidade lucense, os orientadores laborais ao longo de 2011 foron un total de 22 e os beneficiarios do servizo preto de 11.000 persoas.
Estas axudas diríxense ás entidades como concellos, universidades ou organizacións sen ánimo de lucro que desenvolvan labores de información, orientación e busca de emprego mediante itinerarios personalizados de inserción ocupacional para mellorar as posibilidades de incorporación ao mercado laboral dos demandantes do Servizo Público de Emprego.
A responsable da área autonómica apuntou, con respecto ás entidades locais, que este ano, como novidade, introduciuse para o reparto destas axudas un criterio de redistribución xeográfica, co obxectivo de que os servizos de orientación se presten nas entidades locais que o precisan polo seu nivel de paro rexistrado para evitar que os demandantes teñan que desprazarse moitos quilómetros, apuntou. Por iso, sinalou que se está a esixir que as entidades garantan a existencia dun mínimo de persoas desempregadas do seu territorio, un total de 500, ou que se presenten baixo a figura das mancomunidades ou outras agrupacións de municipios. Neste senso, Díaz López incidiu na necesidade de potenciar que os concellos mancomunen servizos.
Outra das novidades que se incluíron na convocatoria de subvencións de 2012 é a ampliación da definición das accións de información, orientación e busca de emprego a ámbitos como a prospección de empresa e asesoramento en procesos de recoñecemento da experiencia, na liña do que marca o Espazo Económico Europeo (EEE).
A última das novidades refírese á introdución dun criterio de control e penalización na realización das accións subvencionadas.
O labor dos orientadores
Os técnicos que se contraten a través destas axudas, que xa se poden solicitar, encargaranse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.
A través desta orde subvenciónanse os custos de persoal das entidades colaboradoras externas que acheguen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para levar a cabo as devanditas actuacións.
Co financiamento destas accións en materia de orientación, a Consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas, segundo apuntou Díaz López. De feito, precisou que é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego deste departamento.
Tamén explicou que se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. Traballo e Benestar pretende potenciar, ademais, unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, afirmou.
En definitiva, a directora xeral de Formación e Colocación indicou que se trata dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da capacidade de inserción laboral das persoas desempregadas a través da información e a orientación profesional personalizada, no marco das directrices de emprego da Unión Europea e os plans nacionais de acción para o emprego.
























O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



