Nota de prensa
A ÁREA DE CULTURA DESTINA PRETO DE 600.000 EUROS EN AXUDAS A ASOCIACIÓNS E A CONCELLOS EN 2012
Antonio Veiga afirmou que se “manteñen todas as liñas de axuda de convocatorias anteriores, fronte aos recortes doutras institucións, para apoiar o asociacionismo cultural”
Mario Outeiro considera a Área de Cultura modélica nesta convocatoria, “tanto pola contía das axudas como polos prazos e facilidades para que todas as asociacións reciban o noso apoio”
A convocatoria para solicitar ditas axudas sairá publicada no BOP do 22 de febreiro deste ano
Lugo, 16 de febreiro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, e o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentaron hoxe as bases da convocatoria das axudas en materia cultural para este ano 2012, dirixido a asociacións culturais así como a concellos, para o que a Área de Cultura destinará, nesta ocasión, preto de 600.000 euros.
As axudas ascenderán a 590.000 euros, dos cales 430.000, “unha parte importantísima do conxunto das axudas, estarán dirixidos a apoiar o asociacionismo cultural das nosas comarcas, que son o auténtico xerme e motor da nosa cultura como galegos e galegas. Polo que podemos asegurar que neste 2012 as asociacións e colectivos culturais lucenses volven a contar co noso apoio para o desenvolvemento das súas actividades e programación cultural” afirmou Antonio Veiga , e os 160.000 restantes serán para os concellos: 100.000 euros para investimentos e equipamentos, destinados a mellorar instalacións e a comprar pequenos equipamentos para as mesmas; e 60.000 euros destinados a gastos correntes para sufragar a elaboración de actividades de carácter puntual e anual.
Dos 430.000 euros destinados a entidades culturais, os colectivos poderán solicitar dous tipos de axudas, segundo a súa actividade sexa de carácter puntual ou anual. A axuda máxima que poderá recibir cada colectivo para a realización dun evento cultural será de 6.000 euros, mentres que para a actividade anual será de 8.000 euros. As axudas para concellos destinadas a investimentos terán un límite de 6.000 euros por beneficiario, e as destinadas a adquisición de equipamentos terán un límite de 3.000 euros por beneficiario. Por outra banda, para gastos correntes e actividades dos concellos o límite fíxase en 2.500 euros para eventos puntuais, e 5.000 euros para actividades ao longo do ano.
Segundo explicou Veiga “nesta convocatoria quedarán excluídas as axudas para festas patronais e as axudas para comidas e para eventos relixiosos ao non ser consideradas actividades culturais, que xa contan cunha liña de axuda específica para o financiamento dos seus programas: “Musiqueando pola provincia de Lugo”, aprobada o venres pasado”.
Antonio Veiga fixo fincapé en que “se seguen mantendo as liñas de axuda para cultura, non como ocorre noutras administracións onde este tipo de axudas desaparecen e onde non se fai un esforzo financieiro para manter as liñas de axuda para o tecido asociativo”, e insistiu en que “a conta non está só en aforrar, senón saber investir os cartos que son de todos e de todas no benestar das persoas”.
O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, congratulouse pola “celeridade e o bo facer dos traballadores e traballadoras da Área de Cultura, xa que estas axudas saen publicadas en febreiro e resólvense na primavera, co que as asociacións culturais teñen tempo suficiente para programar as súas actividades, algo moi diferente co que ocorre coas convocatorias doutras administracións como a Xunta de Galiza, cando anteriormente desde esta institución se convocaban axudas deste tipo, xa que as eliminou en 2011”.
Mario Outeiro indicou que “tal e como acontece desde a nosa chegada ao Goberno da Deputación, as convocatorias de axudas en concorrencia competitiva réxense por criterios obxectivos e de igualdade, de feito todos os partidos políticos da corporación están representados na Comisión de Valoración, que como en anos anteriores é a encargada de valorar as axudas, o que demostra que nos atopamos ante unha administración aberta e plural onde se ten en conta a posición de todos os partidos políticos escollidos democraticamente pola sociedade”.
As bases desta convocatoria saíran publicadas no BOP o 22 de febreiro, a partir do cal asociacións e os concellos poderán solicitar este tipo de axudas culturais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación. O ano pasado desta convocatoria de axudas beneficiáronse 520 colectivos culturais lucenses e os concellos recibiron axudas para 112 accións e proxectos en materia cultural.